DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A psicopedagoga Isabel Ferreiro analizou a reacción do alumnado ante as 100 verbas máis usadas

As palabras máis emotivas son as relacionadas coa familia e co verán

Estudantes de ESO e universitarios diverxen especialmente no caso dos termos 'europeo' e 'control'

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 06/09/2013

Cada palabra é no cerebro dunha persoa unha caixa na que se mesturan os pousos da historia que ten ese termo para unha comunidade coas experiencias persoais que se van asociando a ela ao longo da vida. Co desexo de afondar no complexo mundo das emocións e das verbas, Isabel Ferreiro, psicopedagoga do campus de Ourense, vén de realizar un estudo entre estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e universitarios para coñecer a imaxe e a emotividade que suscitan neles as palabras galegas máis empregadas. Os termos relacionados coa familia e co verán foron os mellor puntuados polos enquisados.

“Todos os países avanzados teñen estudos nos que analizan numerosas propiedades das palabras do seu idioma, desde a súa orixe ata o seu nivel de concreción. No galego só temos un traballo sobre a frecuencia de uso e con esta investigación quixemos dar un paso máis para mellorar esta situación”, apunta Isabel Ferreiro. A investigación, levada a cabo durante o curso 2012/2013, consistiu na realización de dous cuestionarios a 220 estudantes, 108 de primeiro curso de ESO e 112 de primeiro curso de universidade. Ante unha lista das 100 palabras con máis alta frecuencia de uso no idioma galego, lista elaborada para este estudo por dous expertos en lingüística, os participantes tiñan que valorar nun caso a viveza, a nitidez, da imaxe que lles suxería esa palabra e noutro caso a emotividade, as emocións que lles suscitaba. Non se analizou se ese impacto era en positivo ou en negativo, deixando esa cuestión para vindeiros traballos.

Praia, avó, pai, música, liberdade...

En termos xerais, destaca a psicopedagoga, os estudantes de ambas etapas coinciden á hora de valorar a viveza e emotividade dos termos da lista. De media, para os universitarios as palabras con máis viveza de imaxe foron auga, cama, can, praia, avó e familia e as de maior emotividade familia, verán, praia, avó, pai, música, liberdade e viaxe. No caso dos estudantes de ESO, os termos con máis viveza foron auga, familia, can, praia, avó e televisión e as de maior emotividade praia, verán, familia e avó. Entre todas as verbas é familia a que conseguiu, tanto en emotividade como en viveza e tanto entre o alumnado de Secundaria coma entre universitarios, maior significación, aínda que as puntuacións están moi repartidas entre todas as palabras, pois son as de maior frecuencia de uso en galego. Pola contra son os termos europeo e control os que, de xeito moi significativo, separan o sentir dos dous grupos, dándolle os estudantes preuniversitarios puntuacións moito máis altas.

De xeito comparativo, os universitarios teñen máis viveza de imaxe que os estudantes de ESO no caso de verbas como cama, médico, cego e lancha. Pola súa banda, os estudantes de ESO teñen máis viveza que os universitarios nos termos memoria, alma, soño e domingo. No que se refire á emotividade, as puntuacións dos universitarios son superiores en termos como mestre, ensino, profesor e emigración. Pola contra, cabalo, paxaro, ouro, televisión e pelo son algunhas das verbas que producen máis emoción aos alumnos de Secundaria que aos de universidade.

“Unha das cuestións máis relevante que detectamos é que, en contra dos estudos existentes, vimos unha correlación significativa positiva entre viveza e emotividade. É dicir, as palabras puntuadas como as máis vívidas eran tamén as que máis puntuación levaban en emocións”, comenta a investigadora. O motivo deste resultado pode deberse, segundo Isabel Ferreiro, a que nas anteriores investigación se empregaron palabras ao azar e neste caso usouse unha lista de verbas frecuentes en uso. Os resultados do estudo, que foi o seu traballo traballo fin de mestrado do Máster Universitario en Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares, serán publicados este mes na Revista Galego-Portuguesa de Psicoloxía e Educación e presentaranse en novembro no IV Congreso Iberoamericano de Psicoloxía e Saúde. “É importante seguir traballando neste eido. Os estudos indican que as palabras máis emocionais son as máis lembradas e, polo tanto, identificar estas verbas pode ser útil para o ensino, para axudar á aprendizaxe do alumnado”, apunta Isabel Ferreiro.