DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o día 18 de decembro, ás 18.00 h, na Igrexa de Seixalvo

Panxoliñas e música sacra para pór un broche de ouro a este ano

2011 foi un ano de consolidación e crecemento para a formación coral ourensá

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 13/12/2011

Se houbese que seleccionar unha “banda sonora” para o Nadal nela probablemente os grandes protagonistas serían en primeiro lugar as panxoliñas e en segundo lugar a música sacra. Por este motivo, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum quere dedicarlle unha atención especial a estas músicas organizando a segunda edición do Festival de Música Sacra e Panxoliñas o día 18 de decembro. O lugar elexido é a Igrexa de Seixalvo, onde actuarán xunto ao tenor Baldomero Pavón. O concerto será tamén o seu particular broche de ouro a un ano de éxito para a formación coral.

Xabier Álvarez, director do coro universitario, salienta que “esta actuación é unha magnífica ocasión para que as persoas interesadas gocen das panxoliñas e da música sacra no contexto dunha igrexa histórica e de gran beleza como é a de Seixalvo”. O festival comezará coa actuación do tenor Baldomero Pavón, que interpretará varias pezas, e continuará co concerto do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum, que ofrecerá 10 pezas de música sacra e unha selección de panxoliñas internacionais cantadas en galego, latín, inglés e alemán.

Un ano de éxito

“O ano pasado celebramos a primeira edición do festival en Cabeza de Vaca e foi unha experiencia extraordinaria. Este ano agardamos repetir ese éxito en Seixalvo”, destaca Xabier Álvarez. A idea, explica, é que estes festivais sexan unha ocasión para o encontro entre os compoñentes do coro ourensán e outros coros e músicos da cidade ou de fóra dela. Neste caso e a proposta da Asociación Cultural de Seixalvo, é o tenor Baldomero Pavón quen achega ao festival a participación foránea.

A actuación será o día 18 de decembro, ás 18.00 horas, na Igrexa de Seixalvo, con entrada libre ata completar o aforo, algo que os organizadores agardan repetir á vista do éxito acadado na anterior actuación. “Será o noso broche de ouro a un ano moi bo para o coro, no que fomos medrando ata ser máis de 40 persoas e involucrándonos cada vez en máis proxectos e iniciativas”, destaca o director ad formación coral.

Unha cita previa, o concerto de Nadal

Antes da celebración do Festival de Música Sacra e Panxoliñas, o campus de Ourense terá outra cita musical importante. Será o concerto de Nadal, que se celebra este xoves, día 15 de decembro, ás 20.00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro con entrada libre ata completar aforo. O concerto será ofrecido por Riobó, unha nova formación liderada por Begoña Riobó, unha das violinistas con máis proxección en Galicia, e composta por destacados músicos galegos.