DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O conselleiro delegado de Mediaset, padriño no recoñecemento ás empresas que colaboran coa Universid

Paolo Vasile: “A comunicación non é boa nin mala; ou chega ou non”

Un convenio permitirá aos estudantes de CCSS e da Comunicación facer prácticas nas sete cadeas do gr

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río / Noemí Rey DUVI 11/06/2013
“Este é un acto singular na universidade española, tan singular como necesario e tan necesario como insubstituíble”. Con esta frase abriu Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, o acto de recoñecemento ás empresas que colaboran coa institución académica do sur de Galicia, un evento que organiza a entidade que el preside. Con máis de 2000 convenios asinados con empresas, a Universidade viguesa quixo recoñecer así, en palabras do reitor, Salustiano Mato, a implicación do tecido empresarial da contorna, “un actor cada vez máis importante no noso futuro”. O reitor subliñou que este futuro pasa por “un bo plan de financiamento universitario baseado nos resultados de transferencia, na colaboración activa coas empresas e entidades privadas e nunha correcta lei de mecenado”.

Representantes de arredor de 350 empresas asistiron, xunto con persoeiros da vida política e social e titulados pola Universidade de Vigo, a un acto que tivo como padriño ao conselleiro delegado de Mediaset, Paolo Vasile, que afondou no seu relatorio no presente e no futuro da televisión, remarcando que “a comunicación non é boa nin mala, chega ou non chega”. O empresario romano amosouse sorprendido por atopar unha institución académica “diferente á que estamos acostumados, que demostra que non todo o público é malo e non todo o privado é bo”. Vasile coincidiu co reitor en que a independencia real non é posible sen o respaldo dunha independencia económica, “este principio ten que rexer na universidade e na empresa” para evitar “vender a nosa alma a bancos ou a políticos, por exemplo”. Mato puntualizou neste sentido que as universidades europeas teñen unha dependencia do 73% de fondos públicos, pero a de Vigo está por debaixo desa cifra, arredor do 66%, o que se traduce nunha maior liberdade.

Ao acto asistiron, entre outros, Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia; Mª José Bravo Bosch, delgada da Xunta en Vigo; Ignacio López-Chaves, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; Teresa Pedrosa, delegada da Zona Franca en Vigo; Corina Porro, presidenta do Consello Económica e Social de Galicia; Javier Garrido, presidente do Club Financiero de Vigo; Lucía Pedroso, presidenta de AJE e numerosos vicerreitores, decanos e directores de centros, así como docentes, estudantes e egresados.

Horizontes compartidos

Con este acto, que contou coa actuación do Coro Universitario e da soprano Begoña Salgueiro, o Consello Social quixo poñer de revelo “os horizontes compartidos entre universidades e sociedade”. Ernesto Pedrosa destacou que en España existen 236 campus e 2500 graos pero todos eles están sometidos ao cambio máis importante dos últimos 900 anos do que sairá unha universidade na que prevalece o alumnado, a docencia non presencial, a formación continua e as novas tecnoloxías. O presidente do Consello Social referiuse tamén aos labores que as universidades teñen máis aló da docencia, é dicir, a transferencia do coñecemento ás empresas e á formación integral e humanística dos cidadáns. Neste sentido, o reitor e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, coincidiron en que a universidade debe seguir apostando por harmonizar as súas capacidades coas necesidades da sociedade para dar resposta ás demandas do tecido empresarial. “A falta de colaboración sería un despilfarro que non nos podemos permitir”, remarcou o presidente do Consello Social.

“A televisión non pode ir ben nun mundo que vai mal”

Dado que as empresas de comunicación están pagadas polo consumo, “unha televisión non pode ir ben nun mundo que vai mal”. Así explicaba Paolo Vasile a dependencia da comunicación da realidade e como a crise afecta ao consumo televisivo, que se viu incrementado nos últimos anos “porque a xente pasa máis tempo na casa, moverse gasta”. Visionario, pragmático, gran conversador e creador de tendencias, como o definiu Pedrosa, o conselleiro delegado de Mediaset reflexionou sobre como ten evolucionado a televisión e o papel do público que, deixando hipocrisías de lado, “é o noso produto, o que temos que vender para obter financiamento; é duro pero é así”. Vasile destacou tamén o moito que ten cambiado o papel dos espectadores dende ser súbditos cando as televisións eran monopolios, ata pasar a ser público e despois clientes cando xurdiron as televisións de pago. Na actualidade, ante a irrupción de internet neste escenario, “seguimos tentando comprender o seu novo papel, porque este é o maio cambio en 50 anos da TV”.

Sobre as sucesivas polémicas acerca da programación da cadea estrea de Mediaset, Telecinco, Vasile explicou que programas tan criticados como Sálvame, Hay una cosa que te quiero decir, Gran Hermano ou Crónicas Marcianas no seu momento, son tamén líderes de audiencia. Para os futuros profesionais da comunicación, dous consellos claros: o primeiro é ter en conta que “este é un mundo que non para nunca de cambiar”, cambia a tecnoloxía, cambian os gustos, cambia o público....”; o segundo, deixar ideoloxías de lado, “aparcalas no coche antes de entrar na oficina, para poder velas dende a fiestra e comprobar que seguen aí, pero sen que inflúan no noso traballo, porque estamos para contar o que sucede e debemos ser obxectivos, como mínimo, nun 80%”.

Alumnado en prácticas na familia Mediaset

Darlle a oportunidade aos estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación de ver como funciona unha canle como Telecinco ou Cuatro. Ese é o obxectivo do convenio asinado entre a Universidade de Vigo e Mediaset España, “un paraugas para a relación entre institución e empresa para facilitar a colaboración entre entidades que abrirá vías claras de aprendizaxe e formación para os nosos estudantes de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas”, segundo explicou o reitor, Salustiano Mato.

Con este acordo, a partir do vindeiro curso unha comisión mixta establecerá un programa de prácticas compatible cos períodos académicos do alumnado interesado en achegarse ao mundo laboral. Será principalmente en Madrid, onde Mediaset ten dúas grandes instalacións nas que produce o 96% do que emite Telecinco, canle estrela dun grupo que aglutina tamén Cuatro, Divinity, Boing, FDF, La Siete e Nueve. “Poñemos a disposición dos estudantes a posibilidade de pasar da teoría á práctica e creo que temos unha organización bastante boa para completar a súa formación, xa que é unha empresa na que se abordan moitos aspectos da comunicación”, subliñou Paolo Vasile.

Profesionais da comunicación de Mediaset tamén impartirán cursos e clases maxistrais na facultade do campus de Pontevedra para dar a coñecer “as nosas experiencias, porque nós non somos profesores, somos estudantes: na televisión todos os días se aprende algo”, recoñeceu Vasile. Para achegarse aos profesionais do futuro, esta tarde o conselleiro delegado de Mediaset España visita a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en Pontevedra para un encontro con docentes e alumnado, onde coñecer de primeira man as instalacións académicas e manter unha charla aberta co público.