DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Infantil do campus recibiu este luns a visita dun vehículo destes corpos de seguridade

O papá de Sofía é... policía nacional

Os nenos e nenas de ata tres anos divertíronse subindo no coche e xogando con luces e sirenas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 03/06/2013

Cando os nenos e nenas da Escola Infantil do campus de Ourense saíron do centro esta mañá, todos en fila, agarrados cada un ao mandilón do que ía diante, e viron o que lles agardaba na porta quedáronse abraiados. Había un coche da Policía Nacional, coma eses que se ven na televisión ou nas rúas, coas portas abertas para eles, coas luces acesas e a sirena soando. Pasada a sorpresa inicial, os alumnos máis cativo da gardería universitaria fixéronse co coche policial en cuestións de minutos e puideron coñecer de primeira man o traballo que fai o papá de Sofía, unha das compañeiras da aula.

Educación viaria desde cativos

“Durante as últimas semanas traballamos, sobre todo cos nenos de dous a tres anos, o tema da seguridade viaria, facendo un circuíto e explicando os pasos de peóns e os sinais. Como o pai dunha das nenas da escola é policía nacional quixemos completar o tema cunha visita súa e do seu coche patrulla”, comentou Susana Sotelo, unha das responsables do centro. Moi ilusionados coa posibilidade de ter na súa escola un coche que, destacou, fascina aos máis pequenos, “ata os máis durmiñóns hoxe madrugaron para estar aquí cando chegase o vehículo policial”.

Carlos Vázquez, foi o pai que, xunto á axente Lorena, estivo encargado de guiar aos rapaces polo vehículo, de axudarlles a prender sirenas e luces e a usar o megáfono e de explicarlles o que fai un axente. “Como pai dunha nena e como policía este tipo de tarefas é unha das máis reconfortantes que se poden facer e que compensa logo outros malos momentos. Ao principio, cando nos ven chegar, sempre se quedan parados, á expectativa, pero tan pronto ven que poden entrar no vehículo e ver como funcionan as cousas entusiásmanse”, subliñou o pai de Sofía. “Desde hai tres anos facemos este tipo de actividades de achegar a Policía Nacional ás escolas e institutos e son moi satisfactorias. É importante que neste caso os máis pequenos saiban que os policías somos bos, que os axudamos cando se perden ou cando teñen un problema, que non somos os malos que os vamos a castigar se se portan mal”, salientou cun sorriso Lorena.

Un a un os 41 nenos e nenas da Escola Infantil entraron no coche e puideron xogar nos seus asentos e cos trebellos que por alí atoparon, sempre baixo a supervisión dos policías presentes e das educadoras do centro. Ademais, tiveron a oportunidade de pórse na pel dun policía, de levar o seu chaleco identificativo e ata una placa policial simulada. Deste xeito tan divertido e didáctico, o alumnado do centro puido coñecer de primeira man a profesión do pai dun dos seus membros, como xa fixeron noutras ocasións coas profesións doutros proxenitores. Entre os máis felices, Sofía, que puido presumir de pai diante dos seus compañeiros.

Festa fin de curso

Esta actividade forma parte dunha semana diferente coa que os responsables do centro queren rematar o curso académico dos máis pequenos no campus de Ourense. Deste xeito, este martes, ás 12.50 h, os nenos e nenas subirán ao autobús urbano que estará aparcado fronte á escola, e o mércores, día 5, ás 10.30 h, es cativos irán de visita ao supermercado Mercadona que se atopa fronte ao campus. Nel comprarán algún produto e visitarán as diferentes seccións do establecemento. Para rematar, o venres, día 7, ás 17.30 h, celebrarán a súa propia festa fin de curso, na que haberá acto de “graduación”, un conto dramatizado, obradoiros e moitos xogos que compartirán tamén coas súas familias.