DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A confección de roupa e as tarefas sanitarias foron algunhas das súas encomendas

O papel da muller na retagarda franquista centrouse en asistir ao home con diferentes cometidos

Segundo un estudo da investigadora Ana Cebreiros nas comarcas do Carballiño e O Ribeiro

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 15/06/2010

Durante a Guerra Civil e mentres o home combatía no campo de batalla, lonxe de alí, na retagarda franquista, a muller levaba adiante un importante labor de apoio e de asistencia a aquel con diferentes cometidos como a confección de prendas para os soldados, tarefas sanitarias e de asistencia aos máis desfavorecidos e recadación de donativos. Así o revela un estudo sobre as actuacións da muller na retagarda franquista durante a Guerra Civil desenvolvido por Ana Cebreiros, bolseira predoutoral María Barbeito no departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo. A investigadora centrou o seu estudo nas comarcas do Carballiño e do Ribeiro utilizando a prensa como principal fonte de información, concretamente os xornais ourensáns Rumbo, que co paso do tempo se acabaría chamando Arco (xornais de Falanxe na provincia de Ourense editados entre 1937 e 1940), La Región e o xornal vigués El Pueblo Gallego (xornal de Falanxe na provincia veciña a partir da sublevación militar de 1936).

Confeccionar prendas para os soldados

Explica a investigadora que coa sublevación franquista e o seu triunfo na provincia ourensá días máis tarde comeza unha nova etapa da nosa historia. "Nesta etapa a vida da muller vai estar caracterizada por unha volta ao fogar e o afastamento da vida pública", sinala. Pero, en tempos de guerra, o seu labor era necesario na retagarda. "Por iso -sinala- vanse establecer unha serie de iniciativas dentro das cales podemos destacar as realizadas polas mulleres de Falanxe, que van implicar a unha boa parte das mulleres das comarcas do Carballiño e do Ribeiro".
Dentro das actividades que levaban a cabo as mulleres na retagarda franquista a máis importante, e que ademais se estableceu dende un primeiro momento, foi a confección de roupa. Segundo explica a investigadora “a súa misión era realizar prendas para os soldados como camisas, pantalóns e roupa de abrigo nunha actividade que se organizaba en torno a talleres destacando os talleres de Falanxe, atendidos por afiliadas da Sección Femenina e os de Mujeres al Servicio de España cuxas directivas eran formadas polas damas máis importantes da zona”. A muller desenvolveu tamén tarefas sanitarias, sobre todo de enfermeiras e axudantes en hospitais co establecemento de, por exemplo, un hospital de evacuación no asilo do Carballiño. A investigadora asegura que esta rama alcanzou tal importancia “que dentro de Falanxe vaise crear un Corpo de Damas Enfermeiras nas que se preparaba ás súas afiliadas para realizar esta tarefa”.
Unha das actividades que acadou maior importancia foi a labor de asistencia aos máis desfavorecidos nos comedores, sobre todo coa creación da organización Auxilio de Inverno dentro da Falanxe. Explica Ana Cebreiros que esta organización crea comedores nos que se atende a nenos pobres, normalmente orfos e que estes centros “vanse estender polas vilas do Ribeiro e Carballiño: Ribadavia, Carballiño e Maside, entre outras, atendidos polas afiliadas de Sección Femenina”.

Participación en actos públicos e recadación de donativos

Durante a Guerra Civil celebráronse actos públicos de exaltación dos valores patrióticos nos que a muller tamén participou “pero nunca como protagonista”, segundo matiza a investigadora. “Por exemplo é moi común que despois dalgún desfile ou manifestación celebrada para festexar algún día importante se realice unha comida para as autoridades que normalmente era servida por mulleres da Sección Femenina”.
O mantemento das diversas actividades que levan adiante estas mulleres costeábase nunha meirande parte a través de donativos de aí que a súa recadación fose outro dos seus traballos. A investigadora Cebreiros explica que estes donativos conseguíanse “mediante petitorios difundidos pola prensa para un fin, petitorios polas rúas como os que se van a realizar cada quince día polas vilas e cidades para o mantemento dos comedores de Auxilio de Inverno, subscricións de tipo fixo e a organización de festivais para algunha finalidade concreta”.

Modelo de muller submisa e dependente

A investigadora conclúe o seu estudo subliñando que as actividades que realiza a muller nestas comarcas de Ourense “son moi similares ás que se realizan noutras comarcas galegas” e que forman parte do marco que está a establecer o novo goberno para a muller. Segundo as súas palabras “son actividades de asistencia ao home que van reforzar o modelo de muller submisa e dependente que dende 1936 se intenta impoñer na España nacional”.