DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arranca a II Mostra Itinerante de Cine Español feito por Mulleres: Mulleres de Cine. Intransitadas

O papel das mulleres no cine, unha materia aínda pendente

Proxectaranse once longametraxes e curtametraxes de novas cineastas españolas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/09/2011
Apenas un 8% das películas que se producen en España están dirixidas por mulleres e a súa participación en guión e produción non acada o 20%. Estas cifras do Instituto da Muller poñen sobre a mesa cando menos dúas cuestións: a falta de representación feminina neste sector e as consecuencias da súa ausencia nun dos instrumentos fundamentais de influencia na sociedade. Para contribuír a emendar esta situación, no campus de Ourense arrancou este martes a II Mostra Itinerante de Cine Español feito por Mulleres: Mulleres de Cine. Intransitadas, que amosará once producións doutras tantas novas directoras comprometidas coa cuestión de xénero.

O ciclo, organizado polo Instituto da Muller en colaboración co Concello de Ourense, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e o consorcio do Festival de Cine Internacional de Ourense, desenvolverase durante os días 20, 22, 27 e 29 de setembro. Este martes celebrouse a primeira das sesións coa participación de Laura Seara, secretaria de Estado de Igualdade; María Lameiras, vicerreitora do Campus de Ourense; Mónica Vázquez, concelleira de Igualdade do Concello de Ourense; Isabel Pérez, presidenta do consorcio do Festival de Cine Internacional de Ourense; Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno en Ourense; Marta Andreu, produtora da película Cuchillo de palo; e Ana Isabel Palacios, directora técnica de Mulleres de Cine.

Durante o acto de presentación, María Lameiras destacou a súa satisfacción por acoller no campus esta iniciativa, que pretende contribuír a visibilizar o traballo das mulleres no eido audiovisual e na sociedade en xeral. Pola súa banda, Laura Seara advertiu da “clara infrarepresentación das mulleres ao outro lado da cámara” polo que avogou por facer patente o traballo que están realizando directoras, guionistas, produtoras e outras mulleres no cine e que non se está visibilizando. “Sen as mulleres o cine só amosa unha parte do mundo”, destacou. Para contribuír a mellorar esta situación, Mónica Vázquez apuntou a importancia de iniciativas coma esta mostra no “aínda non completo e longo camiño cara a igualdade”. Neste camiño, salientou Isabel Pérez, “as institucións temos a obriga de fomentar a participación das mulleres en todos os ámbitos”, polo que destacou a importancia de potenciar o cine “feito por mulleres pero para toda a cidadanía”.

Fóra dos circuítos

Mulleres de Cine é un proxecto que este ano celebra a súa segunda edición e no que por primeira vez participará a cidade de Ourense. Trátase dunha mostra itinerante de películas españolas recentes, realizadas por mulleres, que ao longo deste ano percorrerá un total de 15 localidades estatais e internacionais. O ciclo reúne o traballo de 11 novas directoras que apostan polo cine de autor fóra dos circuítos habituais de exhibición, pero de notable calidade e carga poetico-creativa, segundo os seus organizadores.

Trala proxección este martes da longametraxe Cuchillo de palo, da directora Renate Costa, o ciclo continuará o día 21 de setembro coa película B-Side, de Eva Vila. Xa os días 27 e 28 de setembro as protagonistas serán as curtametraxes, novidade nesta segunda edición. Concretamente poderanse ver: Entrevista a un hombre blanco, de Beatriz Caravaggio; Illa de pedra, de Adriana Páramo; Kiss the murder, de María Cañas; Bechos raros, de Estíbaliz Burgaleta e Alegría Collantes; La piscina, de Beatriz Mínguez; 1997, de Peque Varela; Distancias, de Pilar Mansell; Espacio simétrico, de Virginia García; e Exhibition19, de Alaitz Arenzana e María Ibarrtxe.

As proxeccións terán lugar ás 19.00 horas na sala multiusos do Edificio de Ferro, de balde e abertas a os interesados.