DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor felicitoulles polo seu "éxito académico"

Parabéns e bos consellos acompañan á segunda promoción do Máster en turismo no acto de graduación

14 estudantes recibiron as bandas e diplomas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 27/03/2009

Nervios, alegría e emoción contida, marcaron o acto de posgraduación da segunda promoción do Máster en Dirección e Planificación do Turismo celebrado este xoves no salón de actos do Edificio Politécnico. Un total de 14 estudantes recibiron as bandas e diplomas que os distinguen como graduados e que os fan estar un paso máis preto do fin de curso e da súa saída ao mundo laboral. Cun marcado carácter feminino, a graduación contou coa presenza dun único alumno varón, aínda que outro compañeiro compartiu as clases con todos eles durante estes anos, pero a sorte fixo que “dende xaneiro estea a traballar en Panamá, dirixindo un hotel de cinco estrelas”, comentou José Antonio Fraiz, coordinador do máster. Aínda que tras esta celebración continuará o traballo ata xuño, Fraiz destacou que "xa teñen o 90% do título, só lles faltan as prácticas en empresa e o proxecto fin de carreira”, dixo Fraiz.
Xunto ao coordinador do máster estiveron presentes no acto Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo; Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus e Mónica Villanueva, vicedecana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. O reitor que felicitou aos estudantes “polo seu éxito académico inminente”, animounos a loitar polo seu futuro, “non son bos tempos, pero das crises nunca se puido saír sen capital humano do primeiro nivel, facede valer a vosa formación e deixade o pavillón ben alto”.
O acto rematou co tradicional himno Gaudeamus Igitur, interpretado pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e a continuación graduados, familia, profesores e autoridades compartiron o convite que os agardaba á saída do Edificio Politécnico.

Consellos e parabéns

Todo foron felicitacións e bos consellos para as egresadas e egresados que proximamente comezarán a súa carreira laboral. Tanto a súa madriña de promoción, a profesora María Reyes Pérez, como o seu padriño, Julio César Castro, director do Hotel dos Reis Católicos de Santiago de Compostela sinalaron que o camiño ao éxito non é doado, pero que todos eles “posúen os coñecementos e habilidades que lles servirán para afrontar con brillantez o futuro”, dixo Pérez. “Amade a vosa profesión, gozade dela e nunca vos desanimedes”, foron os consellos que lles deu Castro. Tamén houbo momento para o recordo, a nota de melancolía puxérona as representantes dos alumnos, Carla Menor e Noelia Mayo, cando nos seus discursos lembraron “os primeiros días de clase, as alegrías, os traballos e as viaxes”, pero agora remata o curso “e parece que se achega o fin”, comentaba Menor. Pero non todo ía ser tristeza polo que se acaba, senón tamén ilusión pola nova etapa que comeza, por iso Fraiz desexoulles “boa sorte, aínda que a sorte procúrase, non xurde da nada”.