DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A literatura tivo especial protagonismo na apertura de curso

A parasitoloxía e a súa importancia sanitaria centran a lección inaugural da catedrática Cristina Arias

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/09/2009

Como seres vivos que empregan outros organismos como acubillo e fonte de alimento, os parásitos gañaron ao longo da historia unha merecida “mala fama”. Este venres, sen embargo, foron os grandes protagonistas da lección maxistral da apertura de curso, impartida pola catedrática de Parasitoloxía, Cristina Arias, quen, facéndolle unha chiscadela á literatura, empregou unha misiva da marquesa Rosalinda ao Marqués de Bradomín para explicar as principais razóns que xustifican o estudo da parasitoloxía e a súa importancia sanitaria.
Que son os parásitos, que é o parasitismo, que estudia a parasitoloxía e cal é a súa importancia, foron as catro preguntas básicas as que respondeu Arias, a través das verbas da marquesa. “En todas as actividades humanas influíron, inflúen e influíran, os parásitos”, unha afirmación que ratificou coa achega de numerosos exemplos, dende o retraso na construcción das pirámides de Exipto e os canais de Suez e Panamá, debido ás enormes perdas humanas producidas por culpas das infeccións e infestacións parasitarias, ata o importante papel que xogaron durante as guerras, tanto as antigas como as actuais, “pois Irak é unha zona endémica de Lehismaniosis”.

O paludismo lidera o ranking de mortalidade por enfermidade infecciosa

Ao longo do seu discurso a parasitóloga, “e non parasicóloga como se empeñan en correxir todas as computadoras”, xustificou a importancia sanitaria de coñecer uns microorganismos “que teñen ao home como hospedador fundamental”. A malaria, “por citar un exemplo, mata a un neno cada 30 segundos no continente africano”, ao que engadiu que “hai moitas outras enfermidades non tan graves pero que causan serios problemas de discapacidade no ser humano”.
Entre os parásitos de maior interés sanitario, Arias falou non só do coñecido piollo, senón de outras menos coñecidas como a xa mencionada Leishmaniosis, unha enfermidade moi grave que “é sabido que sufriu Ingrid Betancourt durante o seu secuestro” ou do paludismo, unha das patoloxías “máis preocupantes”, por ser a primeira causa de mortalidade por enfermidade infecciosa en viaxeiros, algo que gaña gravidade se temos en conta que só “o 10% dos españois que viaxou a zonas endémicas se protexeu con fármacos antipalúdicos”.
Nunha semana na que Vigo se converteu na capital mundial da pesca, Arias afirmou que o estudo dos parásitos pode ser moi valioso para a industria pesqueira non só porque algunhas das especies que parasitan aos peixes poden infectar ao ser humano cando se consume o peixe crudo o pouco cociñado (afumado, en escabeche, vinagre…), senón porque a presencia ou ausencia dun determinado parásito, “pode achegar unha información moi valiosa sobre a súa estrutura poboacional, os seus movementos migratorios ou a súa dieta”.

Toque de atención sobre determinados aspectos da sociedade actual

Ao fío das súas explicacións científicas, a catedrática non renunciou a facer numerosas referencias a diversos aspectos sobre o modo de vida actual. Entre outros aspectos, advertiu da gravidade, no que a linguaxe da xuventude se refire, de “permanecer impasibles ante os desaguisados que continuamente están sendo perpetrados, non por mozos no seu entorno privado, senón por supostos profesionais con masivo alcance e proxección das súas palabras”.
Os altos índices de abandonos de animais domésticos que se producen en España, “somos o primeiro país da Unión Europea en abandono de mascotas e Galicia encabeza a lista de todas as comunidades”, foi outro dos aspectos nos que tamén fixo fincapé. Lembrou como na última Semana Veterinaria da Unión Europea, se amosou a necesidade dunha formulación que unifique a ciencia veterinaria e a medicina humana, algo que, ao seu entender, será difícil de conseguir se temos en conta a difícil realidade antes debuxada.
Como peche da misiva, a “marquesa” engadiu un consello: “manteña o seu cerebro ilusionado, activo, fágao funcionar e nunca se dexenerará”.

Lección inaugural do curso académico 2009-2010