DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha alumna do campus participa nunha aplicación informática con este fin

O paraugas que abriga a sexualidade de adolescentes con discapacidade

O proxecto Under the Umbrella gañou o certame InnoEvent 2013 en Dinamarca

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 21/10/2013
A adolescencia é sempre unha etapa difícil polo cambio que provoca nas persoas o desenvolvemento do corpo, a aparición do desexo e a súa canalización sexual e sentimental. Se a isto se engade a circunstancia de que o individuo que vive esa transición de neno a adulto ten algún tipo de discapacidade intelectual o escenario vólvese máis complexo. Para axudar a estes rapaces e rapazas a entender o que senten e como actuar en cada caso, unha estudante do campus de Ourense está a pór en marcha unha aplicación informática que os guía neste proceso a través de sinxelas imaxes.

“A aplicación naceu o curso pasado, cando estiven en Dinamarca cunha bolsa do Programa Erasmus. Un grupo de estudantes da University College Lillebaelt, tres do eido educativo e tres de enxeñaría informática, deseñamos o proxecto, que chamamos Under the Umbrella, e con el gañamos o concurso InnoEvent 2013 e do seu apartado BISI Project, un certame onde estudantes e empresas colaboran para crear novos e innovadores proxectos dixitais para un futuro mellor”, explica Alba Vázquez, autora da ferramenta xunto a Thomas Eriksen; Lise-Lotte Borg Verbeke; Andrea Cirone; Assue Steve, e Drífa Hrönn Drífu-og Stefánsdóttir.

O lóxico que non o é tanto

Deseñada para a súa consulta a través de ordenadores, tabletas e móbiles, a aplicación, explica a súa autora, ofrece ao usuario, home ou muller, a posibilidade de ver imaxes que representan esas situacións de carácter emocional, corporal ou sexual que viven e coa elección de cada imaxe se lle vai explicando como deben ou non proceder en cada escenario. “Cando teñen un desexo real non saben como reaccionar, ignoran que deben facer e que comportamentos son correctos e cales non tendo en conta ao seu corpo e ás demais persoas. A través da secuencia de imaxes e indicacións que reciben a medida que van interaccionando con cada pantalla, se lles vai explicando dun modo moi sinxelo como poden actuar”, destaca Vázquez, que este curso estuda na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense o último ano do grao en Educación Social.

Trátase, comenta a estudante, "de que entendan cousas tan sinxelas como que, por exemplo, se desexan tocarse o correcto é pechar a porta e as cortinas e facelo sos. Son cousas evidentes para calquera outra persoa pero dáse a circunstancia que en moitos casos as persoas con discapacidade intelectual non teñen ningún tipo de pudor sexual e para eles e elas xa non é tan lóxico ese comportamento e hai que explicitamente explicarlle que deben facelo así”.

No deseño dos contidos participaron as tres persoas do grupo procedentes do eido educativo e no desenvolvemento da aplicación as tres de enxeñaría informática, sendo consultados os resultados por expertos no eido da sexualidade que, apuntan os autores da ferramenta, amosáronse moi contentos cos resultados obtidos. “A sexualidade é un tema aínda moi tabú e se falamos de persoas con discapacidade aínda máis, por iso nos pareceu interesante tratar este tema. Ademais, Dinamarca, onde fixemos a aplicación, é un país sen grandes problemas sociais e este colectivo está moi coidado desde o punto de vista da educación. Polo tanto déronse as circunstancias idóneas para abordar esta temática”, apunta a estudante ourensá. Despois de gañar en xuño o premio de InnoEvent 2013, os creadores traballaron nos últimos meses nos retoques da aplicación co obxectivo de realizar este curso a difusión e publicación da ferramenta para que o seu traballo poida estar a disposición das familias e das institucións que traballan con persoas que poidan precisar deste tipo de material educativo. "Como futura educadora social e como persoa, a experiencia foi fantástica e agardamos que sexa tamén postiva para outra moita xente", subliña Alba Vázquez, que agarda regresar pronto a Dinamarca no marco do desenvolvemento do proxecto Under the Umbrella.