DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sandra Maggi Alonso participa a semana que vén no proxecto Euranet Radio Network

O Parlamento Europeo cédelle a palabra a unha estudante do campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 14/09/2012

Coa maleta case feita, Sandra Maggi Alonso, estudante de terceiro curso de Publicidade e Relacións Públicas, conta as horas para coller o voo que a leve o vindeiro martes a Bruxelas para participar en Euranet, unha rede de radios internacionais, nacionais, rexionais e comunitarias financiada pola Comisión Europea na que tamén participan universidades de todo o continente entre as que se atopa a viguesa. Este proxecto organiza todos os meses na capital belga un debate radiado no que interveñen estudantes e máximos representantes europeos e desta volta será Sandra quen represente á Universidade e tome a palabra no Parlamento Europeo. “É unha excelente oportunidade poder participar neste proxecto internacional xa que deste xeito a nosa institución e nós mesmos dámonos a coñecer fóra de España”, sinala Maggi, que se une á lista de alumnos que teñen participado neste programa dende 2011.

Como explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra e coordinadora local de Euranet, que ten como finalidade promocionar os valores europeos entre a poboación máis nova a través das ondas, “este proxecto permítenos como institución entrar en contacto con outras universidades nas que tamén se imparten coñecementos de comunicación, ademais de traballar cóbado con cóbado con profesionais do xornalismo de toda a Unión Europea”. Precisamente, este foi un dos motivos que impulsou a Sandra Maggi a participar neste proxecto pois espera “coñecer a profesionais da comunicación que poidan achegarme consellos e experiencias”, apunta a estudante que confesa sentirse nerviosa pero á vez afortunada “de ter esta posibilidade de viaxar e enriquecerme culturalmente”.

Coñecer a radio de preto

Os coordinadores do proxecto seleccionaron a esta alumna de terceiro curso de Publicidade e Relacións Públicas pola “atracción que sente pola radio” así como polo seu dominio de inglés, “imprescindible para poder avanzar no noso campo”, advirte Maggi. Euranet tamén lle achegará unha “práctica profesional completa”, sinala a profesora Fernández Souto, xa que non só coñecen de primeira man o funcionamento dunha rede de radios “senón que ademais teñen que preparar e editar unha reportaxe previa sobre un tema dado que lles sirva para acompañar a entrevista en directo que lles fan aos eurodeputados”, engade a docente. Nesta edición, a Sandra Maggi tocaralle debater sobre a corrupción na Unión Europea, para o que leva varios días documentándose para levar preparadas unha serie de preguntas sobre o tema a propor no programa de radio.

Esta estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación viaxa a Bruxelas co obxectivo de sacarlle o máximo rendemento a esta oportunidade “que vai resultar toda unha experiencia de intercambio cultural, curta pero intensa”, con estudantes de todas as partes do continente. “Creo que todo o que se poida aprender fóra das aulas é case tan esencial como a propia carreira así como ter vivencias diferentes en primeira persoa”, conclúe.