DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus do Mar presentará en Bruxelas o seu proxecto a través dunha exposición

O Parlamento Europeo verá ‘construír o futuro a través dos océanos’

Mediante paneis e fotografías o público poderá facer un percorrido pola historia deste Campus de Exc

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 15/02/2013

Un proxecto estratéxico a medio e longo prazo que dá acubillo a uns 4000 científicos traballando arredor do eixo central da nosa historia, o océano. Ese é o Campus do Mar, que tras pouco máis de dous anos de singradura recala de novo en Bruxelas para facer un percorrido histórico polos seus inicios, o seu presente e as súas metas. O vindeiro 19 de febreiro o Campus de Excelencia Internacional da Universidade de Vigo inaugurará no Parlamento Europeo a exposición Construíndo o futuro a través dos océanos, na que mediante once paneis e diversas fotografías presentaranse ao público os diferentes aspectos do proxecto, desde a investigación, a transferencia ou a captación de talento ata a internacionalización e a divulgación á sociedade. A mostra estará situada no terceiro andar e poderá ser visitada ata o venres 22 de febreiro.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, acompañará ao director do Campus do Mar, Emilio Fernández, nun acto no que tamén estarán presentes a eurodiputada do BNG Ana Miranda, así como outros europarlamentarios de Galicia e Portugal. “A invitación parte da propia Miranda, que nos propón a posibilidade de usar a Parlamento Europeo para volver a presentar o proxecto”, explica Fernández. A inauguración rematará coa actuación do grupo de música galega Marful, que dará un pequeno concerto para amenizar o acto.

Aproveitando a súa presenza en Bruxelas, a delegación viguesa ten programada toda unha axenda de reunións con diferentes autoridades para “dar a coñecer a iniciativa ou presentar proxectos concretos para os que estamos a buscar financiamento”, subliñou Fernández. A Comisión Europea xa acollera a botadura oficial do Campus do Mar en augas internacionais o pasado 2011, cando a Universidade de Vigo da man de Salustiano Mato e Emilio Fernández daban a coñecer de primeira man as características estrelas dun proxecto que agrupa a 3101 investigadores, 1359 doutores, 24 institucións, 10634 traballos de investigación 582 teses de doutoramento, 6402 proxectos de investigación e preto de 274 millóns de euros en contratos de I+D.