DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A doceava edición das xornadas eurorrexionais celebrarase do 20 e o 22 de febreiro nos tres campus

Contra o paro xuvenil, máis ForumEmprego ca nunca

A equivalencia e a homologación de títulos e a marca persoal serán algunhas das novidades deste ano

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 30/01/2013

Cunha taxa de paro superior ao 55% entre os menores de 25 anos e sen expectativas de que a demanda de emprego medre a curto prazo, a busca activa de traballo no estranxeiro estase convertendo nunha saída cada vez máis escollida pola poboación nova. Sen embargo, saír fóra non garante o éxito e á hora de facelo hai que saber onde están as oportunidades e como aproveitalas axeitadamente. Co obxectivo de axudar aos universitarios nesta tarefa, principalmente no contexto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, os tres campus da Universidade de Vigo acollerán a finais de febreiro a doceava edición do ForumEmprego Universitario. Aprender a facer o currículo europeo, a crear unha marca persoal e a valorar as posibilidades que ofrece o terceiro sector, o da solidariedade, serán algúns dos aspectos que se abordarán nesta nova edición dunha cita xa tradicional entre o alumnado.

ForumEmprego Universitario 2013. 12 Xornadas Universitarias de Emprego Galicia-Norte de Portugal está organizado pola Vicerreitoría de Relacións Internacionais e promovido por Eures, servizo público de emprego europeo, e arrancará o día 20 de febreiro no campus de Ourense, continuará o día 21 no de Vigo e rematará o día 22 no de Pontevedra. “No contexto económico no que nos atopamos, para a Universidade é especialmente relevante reforzar o seu compromiso social facilitando a incorporación ao mercado laboral dos seus estudantes”, destaca Manuel Fernández, vicerreitor de Relacións Internacionais. Deste xeito, o obxectivo do ForumEmprego é dar ferramentas aos participantes para facilitarlles a pescuda activa de emprego, especialmente a ambos lados da raia, tentando orientalos para minimizar o impacto das barreira que puidese atopan nese camiño.

Parte común e parte específica

Segundo explica Emilia Seoane, conselleira Eures encargada da coordinación da iniciativa e profesora da Área de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Vigo, o ForumEmprego 2013 contará cunha parte común nos tres campus e unha específica en cada un deles. “Na parte común afondaremos en cuestións coma os Erasmus Prácticas, contando cun relator que explicará a súa experiencia persoal neste programa, e a mobilidade laboral na eurorrexión, que exporá a coordinadora para Galicia-Norte de Portugal de Eures, Teresa González. Tamén falaremos sobre as prácticas e saídas profesionais en Europa e en organización internacionais, cun representante da Fundación Galicia Europa, e sobre a visibilización de competencias e a homologación de títulos”, destaca Seoane. Alén desta parte común presencial, os inscritos nos tres campus tamén realizarán o seu currículo Europass, documento imprescindible para participar en convocatorias europeas e que xa levan realizado máis de 6000 estudantes e egresados da Universidade de Vigo desde o ano 2005.

No caso do campus de Ourense, como parte específica incidirase na situación do terceiro sector, que agrupa a entidades solidarias e sociais. Ramón Capdevilla, director xeral da Fundación Universia, será o encargado de explicar aos asistentes as posibilidades e dificultades neste eido, oportunidades sobre as que tamén falará Ana Méndez, docente do campus de Ourense. No caso de Pontevedra e Vigo, entre os contidos específicos destaca unha intervención da consultora María Teresa Deus, que falará aos asistentes sobre como crear unha marca persoal para innovar na busca dun traballo. Ademais, o programa tamén inclúe intervencións como a de Beatriz Sevillano, directora de emprego de Universia, que falará nos campus de Vigo e de Ourense, e a de Reyes Fernández, docente que abordará en Ourense e en Pontevedra a necesidade de contar cun proxecto profesional á hora de rematar os estudos universitarios. Unha conselleira Eures do Servizo Público de Emprego de Portugal e unha homóloga de Galicia tamén amosarán aos asistentes, en Vigo e Pontevedra respectivamente, como aproveitar os seus servizos.

Unha oportunidade de asesoramento

“O ForumEmprego é unha excelente oportunidade para achegarse á mobilidade en Europa pero dun xeito asesorado por profesionais”, subliña Emilia Seoane. “Os diferentes sistemas de seguridade social ou as distintas lexislacións laborais e fiscais poden supor unha barreira para a busca de emprego e hai que coñecelos para evitar esas dificultades e intentar así mellorar as perspectivas laborais e profesionais dos participantes, neste caso actuando directamente nun eido cun gran dinamismo socioeconómico como é a rexión transfronteiriza”, engade Manuel Fernández.

O prazo de inscrición nas xornadas, que son gratuítas, xa está aberto nos tres campus a través da web ForumEmprego.