DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor da Universidade de Vigo e o alcalde de Ourense visitan as obras

O Parque Medioambiental do campus, futuro pulmón para a cidade

O espazo, duns 50.000 metros cadrados, está deseñado con criterios de aforro enerxético e hidrolóxic

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 22/02/2011
O campus de Ourense ten unha ubicación privilexiada preto do centro da cidade, de xeito que calquera actuación que se realice nel ten unha especial repercusión na contorna. Este é o caso do Parque Medioambiental do campus, a piques de rematarse e con 50.000 metros cadrados que o converterán no futuro pulmón de Ourense e nun espazo de gran valor medioambiental e de ocio, como puideron comprobar este martes Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Francisco Rodríguez, alcalde da cidade, nunha visita ás súas obras.

“Este parque, que estamos próximos a entregar, forma parte do Concello, dos cidadáns de Ourense, e nace como unha forma de harmonizar os espazos universitarios coa cidade, para poder compartir e gozar neles de actividades lúdicas, deportivas e de benestar” salientou o reitor durante a visita. Unha estreita vinculación campus-cidade que tamén foi destacada por Francisco Rodríguez, para quen esta nova zona de lecer constitúe “un luxo para Ourense” e un proxecto que recolle “a vontade de dúas institucións de traballar conxuntamente para buscar a integración dun campus urbano”.

Deseño integral e integrado

O Parque Medioambiental conta con arredor de 50.000 metros cadrados, dos cales 37.000 son zonas verdes e 4.000 metros de sendas para camiñar. Na súa composición destacan unha lagoa e unha zona central na que se ubica a obra do creador Fernando Blanco dedicada á Xeración Nós e que rodeada de árbores constituirá o corazón do lugar, a súa “ágora verde”. Para habilitar estes espazos tívose que realizar un recheo das concas existentes, a disposición dunha nova estrutura orgánica de viais interiores e a repoboación con novas especies arbóreas.

Entre as características da iniciativa, o arquitecto responsable do proxecto, Javier Suances, salienta especialmente que “o deseño do parque fíxose con criterios de aforro hidráulico e enerxético”. Deste xeito, na iluminación empréganse LEDs de última xeración e habilitouse un sistema de rego baseado na recollida de choiva e no reaproveitamento da auga da piscina. Na configuración desta zona tamén se tivo en conta a integración cos demais espazos abertos do campus, concretamente cos xardíns históricos e coas novas instalacións deportivas exteriores.

O proxecto de Francisco Mangado

O Parque Medioambiental ensámblase co proxecto de reordenación do campus deseñado por Francisco Mangado. Neste senso, Salustiano Mato salientou que proximamente terá unha reunión con Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no que se abordará esta cuestión.

“Aínda estamos a tempo. O proxecto é moi importante, trascendental diría eu, para a Universidade e para a cidade de Ourense. Podemos atopar unha solución para que o proxecto vaia adiante e non sufra máis retrasos” salientou o reitor. Mato advertiu da importancia de que todos os actores implicados, de que todos os intereses e preocupacións se harmonicen arredor da proposta de Mangado e a partir de aí planificar a súa execución. No mesmo sentido, o alcalde da cidade desexou que este proxecto consiga finalmente o mesmo “nivel de colaboración e consenso” que o acadado coa Universidade de Vigo e que a iniciativa sexa compartida por todas as institucións implicadas.