DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto de Campus de Excelencia contará co apoio da Consellería de Medio Rural

O Parque Nacional das Illas Atlánticas adhírese ao Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 30/07/2010

Como fundamental definiu o reitor, Salustiano Mato, a incorporación do Parque Nacional das Illas Atlánticas ao proxecto do Campus do Mar. A decisión tomouse no transcurso da reunión que Mato mantivo este venres co conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, quen expresou o seu apoio á candidatura da Universidade de Vigo. Esta adhesión vén a reforzar a rede de apoios coa que conta xa o proxecto de Campus de Excelencia e a inclusión do parque representa segundo o reitor “un escenario imprescindible para a investigación”, con 8.480 hectáreas de superficie, 7285,2 marítimas e 1194,8 terrestres e hábitats de interese comunitario, como os arrecifes, as dunas ou as lagoas costeiras.

Xunto con este tema, o reitor e conselleiro acordaron estreitar a colaboración e a comunicación no iniciativa de consorciar os centros de investigación en temática forestal. Así, esta rede que permitirá poñer en común o traballo que desenvolven os centros que operan en Pontevedra no ámbito da investigación forestal, contará tamén coa participación do Centro de formación e experimentación agroforestal de Lourizán, dependente da Consellería de Medio Rural, xunto coa Escola de Enxeñaría Forestal, a Misión Biolóxica de Galicia, dependente do CSIC e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Trátase así, explica o reitor, “de crear sinerxías e liñas de colaboración en investigación, potenciando o think tank forestal que estes centros teñen”.

O futuro pasa polos estudos de enoloxía

Outras das liñas de traballo postas en marcha polo reitor da Universidade de Vigo é a futura creación dun mestrado centrado nos estudos de enoloxía. Neste sentido, Mato recabou o apoio do conselleiro de Medio Rural para definir estes futuros estudos e abrirse tamén ao tecido empresarial, coñecendo as necesidades que o sector para poder ofrecer dende a Universidade respostas. A idea que deste mestrado ten o reitor é que se basee na intelixencia cooperativa, de modo que terá dúas sedes, unha no campus de Pontevedra e outra no de Ourense, de xeito que se atenda ao sector pioneiro da provincia de Pontevedra, con Rías Baixas á cabeza e ás denominacións de orixe de Ourense como Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra. Para esta tarefa a Universidade conta xa tamén co apoio explícito da Deputación de Pontevedra, tras a reunión mantida polo reitor co presidente, Rafael Louzán, a pasada semana.