DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar o sábado 8 de marzo

O Parque Natural da Serra do Xurés, escenario dun novo roteiro cultural

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 05/03/2008

Os roteiros culturais volven este sábado 8 de marzo cun percorrido polo Parque Natural da Serra do Xurés, un enclave de elevada riqueza tanto natural como etnográfica. O punto de partida será en Lobios, onde o Parque Natural ten a súa sé, “para facer unha visita todos xuntos á exposición onde se lles explicará o seu funcionamento e a fauna e a flora coa que conta, entre outras cousas” comentou José García-Calvo, organizador das rutas.
Unha vez rematada a visita, os autobuses trasladarán aos camiñantes ata o punto de partida da etapa, A Cela, onde comezará a marcha a pé. “O itinerario está fixado polo Parque, de feito hai que pedir permiso á Consellería de Medio Ambiente para que nos deixen pasar porque está moi controlado” explicou García-Calvo. A ruta continuará ata Alvite e Salgueiros, “un pobo típico da serra que están a rehabilitar e que está a quedar moi bonito”. Dende alí seguirá “a ascensión ata o alto do Pisco, un pico de 1.100 metros de altitude, e despois, baixaremos ata Pitoes, un pobo portugués moi ancestral cun museo e que aínda conserva tradicións como os fornos de pan antigos".

Unha ruta de alta dificultade

A etapa consta dunha distancia de 18 quilómetros de dificultade alta “porque os primeiros 15 quilómetros teñen unha pendente considerable, de feito sáese dunha cota de 300 metros para rematar nunha de más de 1.000. Ademais os últimos 3 quilómetros son totalmente de baixada, sen que haxa partes chairas” explicou o organizador.
Ao igual que no resto das rutas é imprescindible levar calzado axeitado para camiñar e roupa cómoda, ademais da comida “e neste caso, cómpre non esquecer a auga porque non hai fontes no traxecto, ademais da viseira para protexernos do sol, sobre todo, nas zonas máis altas” puntualizou García-Calvo.
Os participantes de Pontevedra e Vigo sairán da rúa Areal desta última cidade ás 7.45 horas, mentres que os de Ourense farano ás 9.00 do Edificio Politécnico.