DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras unha campaña electoral ficticia protagonizada por alumnado de Publicidade e Relacións Públicas

O Partido Sputnik convence ao electorado de CCSS e da Comunicación

Tanto o profesor Rúas como o alumnado fan un balance moi positivo da experiencia, “próxima á realida

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 16/05/2012

Cun total de 93 votos, o partido Sputnik proclamouse vencedor das eleccións ficticias que todos os anos se veñen celebrando na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, organizadas ao abeiro da materia Técnicas de comunicación electoral, impartida polo profesor Xosé Rúas. Os alumnos e alumnas do partido gañador, que verán recompensado o seu esforzo con dous puntos na nota final, amosáronse moi satisfeitos cos resultados acadados, destacando por riba de todo a calidade da experiencia “desenvolta nun contexto real”. Os estudantes dos tres partidos restantes, Partido FAI, que logrou 66 votos, Partido Ácido con 53 e Partido Orange con 50, tamén levarán unha gratificación na cualificación da materia, “pero en menor medida”, aclara Rúas que destaca a elevada participación, “pois votou máis dunha cuarta parte de todo o electorado”.

Esta actividade, que se leva celebrando no centro dende hai máis de dez anos, “concíbese como un xogo de rol no que o estudante debe pór en práctica os coñecementos teóricos impartidos en clase”, explica Rúas que fai un balance moi positivo desta edición, a primeira para o alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, que ademais de cubrir toda a facultade coa súa cartelería, protagonizou unha intensa campaña con mitins, almorzos ou debates “cargados de réplicas e contrarréplicas”. Non obstante, o profesor advertiu durante o período electoral “algúns dos vicios e malas actuacións das campañas reais” polo que para o ano creará un Comité de Garantías e Ética que garanta “un correcto funcionamento”.

Campaña con alta dose de tensión

Se por algo se pode caracterizar estas eleccións foi polas altas doses de tensión e de competitividade entre os partidos políticos dende os primeiros días de campaña. “O momento máis álxido coincidiu co día do debate entre os candidatos que botaron man de todas as técnicas de comunicación das que tiñan coñecemento”, apunta Rúas, sendo unha delas a publicidade política en negativo baseada en elaborar mensaxes propagandísticas que evidencien as debilidades do rival. “Trátase dunha estratexia de comunicación moi empregada na sociedade que xa se puido observar nas últimas eleccións autonómicas galegas a través de medios non convencionais”, explica o profesor que aclara ademais que soe ser utilizada polas xuventudes dos partidos “por medo á repercusión de empregala nos soportes tradicionais, nos que si está presente en países como Gran Bretaña ou Estados Unidos”. Como curiosidade salienta que algúns dos partidos dos estudantes puxeron en marcha a estratexia de polarización “para que o voto só se debatese entre dous candidatos, pero os demais aínda reaccionaron a tempo”. Rúas quere destacar por riba de todo a forte implicación do alumnado con esta actividade o que converteu a estas eleccións “nunha tensión positiva na que se desprendeu grandes doses de enerxía”, conclúe.

A pesar dos resultados das votacións, todo o alumnado de terceiro do Grao en Publicidade e Relacións Públicas fai un balance moi positivo da experiencia, “moi próxima e parecida á realidade”, destaca Rubén Pazos representante do Partido Sputnik, que tamén destaca a rivalidade xurdida entre as diferentes opcións políticas “xa que nos xogábamos moito”. Nesta idea tamén coincide Francisco Prieto, candidato do Partido Fai, que se amosa moi satisfeito dos resultados conseguidos. “Traballamos moitísimo ata o último día e coido que este campo da comunicación acaba de espertar o meu interese profesional”, apunta Prieto. Pola súa banda, Raúl Constela, do Partido Orange, comenta que este tivo de actividades motivan ao estudante e “permiten aplicar dunha forma conxunta o aprendido durante a carreira”, como por exemplo, o traballo en equipo, cuestión que destaca Noelia González, representante do Partido Ácido.