DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolleu o debate electoral dos comicios impulsados polo profesor Xosé Rúas

Partidos ficticios con promesas reais

Os candidatos e candidatas avogaron por desenvolver iniciativas no centro máis alá da campaña

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 08/04/2014

Traballar máis aló do día das eleccións para que o prometido en campaña poida converterse en realidade. Ese foi o principal compromiso dos candidatos e candidatas que nesta xornada se enfrontaron no debate electoral previo aos comicios deste xoves na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Un compromiso que noutras circunstancias sería do máis común pero que neste caso adquire certa relevancia, xa que estas eleccións non son reais, senón un “xogo de rol” organizado polo profesor Xosé Rúas no marco da materia Técnicas de comunicación electoral, do grao en Publicidade e Relacións Públicas.

Catro partidos ficticios concorrerán á cita coas urnas na que se decidirá que grupo leva a máxima puntuación na parte práctica da materia impartida por Rúas, que hoxe martes exerceu coma moderador dun debate no que participaron Cecilia Allo, candidata do Partido Paripé; Micaela Campanini, cabeza de lista do Partido Dálle; Ángel Rey, portavoz de La Madriguera, e Alejandro Rodríguez, candidato da Alianza Rebelde. “Foi un debate moi intenso, no que houbo varios intentos de facer alianzas buscando o voto útil, que ao final racharon”, salientou Rúas dunha actividade que emulaba un debate televisivo coa limitación de tempos e bloques temáticos. De feito, os catro primeiros temas foron propostos polos propios partidos: o paripé político, a participación do alumnado, os programas electorais e a comunidade, mentres que Rúas propuxo a ética como último tema do coloquio, bloque que foi aproveitado polos candidatos para facer ‘causa común’ e reclamar ao profesor un aumento na nota que levará o partido que remate en último lugar nas eleccións.

Un debate no que se avogou polo consenso

Aínda que as intervencións dos candidatos deron pé a algún que outro ataque entre as diferentes formacións que concorren a estas eleccións, en liñas xerais, este debate electoral serviu máis para achegar posturas entre os diferentes partidos que para marcar distancias de cara a cita coas urnas. “Penso que sacou o mellor e o peor de nós,” apuntaba Cecilia Allo, do Partido Paripé, que mantivo diferenzas iniciais co representante da Alianza Rebelde, Alejandro Rodríguez, quen concluía que o debate “serviunos a todos para recapacitar e ver que hai unha unión”. Para Ángel Rey, portavoz de La Madriguera, o debate serviu para ver que "hai propostas e intereses comúns, e que ao final as eleccións serviron para facer unha grande comunidade entre todos”, mentre que Micaela Campanini, do Partido Dálle, salientou de esta actividade permitiu “unha análise de como está a a facultade para ver que podemos facer para mellorala”.

Vicios e virtudes do xogo electoral

A pegada de carteis do 31 de marzo puxo inicio a unha campaña electoral que está a resultar “moi intensa e na que se están a facer moitas actividades para captar ao alumnado”, engade Rúas, que recoñece que este “xogo de rol se está a desenvolver con todos os vicios e virtudes dunha campaña electoral”. De feito, o reparto de comida e bebida no centro é unha das iniciativas que desenvolveron todas as formacións participantes nun intento por captar votos de cara ao xoves. Á esta proposta súmanse outra serie de iniciativas que “mesturan a publicidade coas relacións públicas e buscan o contacto directo cos estudantes”, engade o profesor. Por exemplo, o Partido Paripé realizou nesta xornada unha performance e unha serie de entrevistas con diferentes docentes nun sofá instalado na entrada do centro. Así mesmo, a formación que encabeza Cecilia Allo tamén organiza unha campaña solidaria de recollida de alimentos, que irán destinados ao Banco de Alimentos de Vigo.

Alianza Rebelde, pola súa parte, orienta a súa acción a dar solucións aos “problemas reais que hai na facultade”, con propostas como unha recollida de sinaturas para reclamar o cambio do programa de edición de vídeo que se usa no centro, que se combinan con actividades de carácter lúdico, como un maratón de Star Wars, a saga cinematográfica da que toman o seu nome. Por outra banda, o Partido Dálle centra o seu programa en “loitar contra a pasividade do alumnado”, con iniciativas como a instalación dun mural no que os estudantes puidesen facer constar “todo o que non lle gusta do centro”. Por último, La Madriguera quere fomentar coas súas accións "un espírito de comunidade” entre o alumnado do centro, dándolle “solucións rápidas a problemas sinxelos”, como a falta dun microondas ou a instalación na cafetería do centro duns botes nos que a clientela pode coller os céntimos que precise para pagar e deixar aqueles que lle sobran.

Tanto o alumnado como o PDI e o PAS do centro terán a responsabilidade de saber que partido obterá os 2,5 puntos en xogo nestes comicios, nunha votación que se desenvolverá entre as 10.00 e as 14.00 horas.