DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun programa de mobilidade no ámbito Erasmus

O PAS da Universidade viaxa a institucións académicas estranxeiras para completar e enriquecer a súa formación

Durante unha semana practicarán o idioma e coñecerán o traballo dos seus homólogos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Lucía Costas DUVI 22/05/2009

Unha experiencia interesante e enriquecedora a nivel profesional e persoal é a que vivirán nos vindeiros días Dolores Cuña, Alejandro Martínez, Javier Novas, Henar Quintas e Mercedes Palanca. Cinco membros do Persoal de Administración e Servizos beneficiarios das axudas de mobilidade de PAS da Universidade de Vigo a institucións de ensino superior con fins de formación Erasmus-STT.
Ao abeiro do programa de mobilidade de PAS no ámbito Erasmus, e co obxectivo de fomentar a internacionalización da Universidade, convocáronse estas bolsas de formación do persoal de administración e servizos, para que aprendan da transferencia de coñecementos ou competencias e adquiran as experiencias e boas prácticas da institución receptora para mellorar as aptitudes que require o seu actual posto de traballo. En total concedéronse cinco axudas para unha estadía dunha semana, que se levará a cabo antes do 30 de xuño de 2009.

Polonia, Francia e Alemaña, destinos elixidos

Alejandro Martínez e Javier Novas, secretario do vicerreitor de Novas Tecnoloxías e administrativo dos departamentos de Química Inorgánica e Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente respectivamente, serán os primeiros en facer a equipaxe. Este domingo, 24 de maio, collen rumbo a Polonia para participar nun programa semanal internacional de PAS na Universidade de Lodz, “do que formarán parte outras trece persoas coma nós, de diferentes países para traballar nun proxecto orientado ás relacións internacionais”, sinala Javier. De xeito paralelo, “tamén hai organizada unha visita máis profesional aos diferentes postos de traballo co fin de observar o seu xeito de funcionar, así como ao centro de desenvolvemento tecnolóxico”, engade Alejandro. Marcharán o domingo e estarán de volta o venres 29, para o día seguinte, no caso de Javier, volver a voar con destino a Tenerife, “onde estarei unha semana loitando co equipo da Universidade para gañar o Campionato de España de Fútbol Sala”.
Pola súa parte, Dolores Cuña optou pola capital de Francia e máis concretamente polo Instituto Católico de París. A xefa do Negociado de Información Xeral escolleu o Instituto Católico para levar a cabo o seu plan de traballo, “consistente en observar a metodoloxía e os medios que alí empregan para ofrecer información e así á volta podelo aplicar aquí”, explica Dolores, que estará na capital francesa do 1 ao 5 de xuño.
O caso de Hernar Quintas, administrativa dos departamentos de Química Orgánica e Química Física, e Mercedes Palanca, administrativa e secretaria do Departamento de Física Aplicada, discorre en paralelo. Ámbalas dúas viaxarán, na última semana do vindeiro mes, a terras xermanas, á Fachhochschule für Technik und Wirtschaft de Berlín. O obxectivo é “ver os sistemas de información que teñen para os estudantes, a interrelación cos servizos”, sinala Henar, que traballara anteriormente sobre esta cuestión e polo que lle resultaba interesante “afondar nela”.

Practicar o idioma e coñecer o funcionamento doutras universidades

Veteranos, uns máis que outros, nos seus respectivos postos na Universidade, os cinco coinciden en que se trata dunha boa oportunidade para mellorar o idioma e observar o funcionamento interno do centro de destino.
Alejandro Martínez e Javier Novas, amigos xa do instituto, tiñan claro que irían a Inglaterra, “esa era a idea inicial”, apunta o primeiro deles, pero despois de consultalo coa responsable da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez, “que nos dixo que os ingleses non son tan partidarios de levar a cabo este tipo de intercambios, optamos por Berlín”, comenta Alejandro, un destino que tampouco puido ser porque “xa se adiantaran Henar e Mercedes”, sorrí. A partir de aí, “por recomendación da propia Amelia, decidimos ir a Polonia”, engade Alejandro, que sinala como motivación principal “perfeccionar e practicar o inglés”, pois el é licenciado en Filoloxía Inglesa. Na mesma liña postúlase Dolores que irá “a mellorar o seu francés”.
“Interesante, profesional e persoalmente,” é como cualifica Henar Quintas esta experiencia que lle espera en algo máis dun mes; “moi útil e proveitosa para ver como se fan as cousas noutras Universidades e para practicar o idioma”, inglés no seu caso e alemán no de Mercedes. Pero, ademais, de entre todos estes obxectivos, “coñecer sitios novos, visitar a cidade é outro dos propósitos da viaxe”, sinala Javier.
Ningún deles disfrutara antes dunha bolsa similar, non obstante Alejandro e Henar xa tiñan coñecemento da súa existencia e estaban dispostos a solicitala. Desta vez foi a vencida e viaxarán a unha universidade do estranxeiro para completar e enriquecer a súa formación.

Seis traballadores suecos virán de intercambio a Vigo a vindeira semana

Non só as universidades estranxeiras reciben aos PAS de Vigo, senón que a universidade viguesa tamén dá a benvida a persoal de fóra. Deste xeito, o vindeiro luns chegarán ao campus seis traballadores suecos, “un informático, a través do Grupo Compostela de Universidades, e cinco administrativos por mobilidade Erasmus”, sinala Amelia Rodríguez. Catro deles proveñen da Växjö University e dous da Karlstad University. Ao longo de toda a semana visitarán e traballarán en diferentes centros dos tres campus.