DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás rendirá este xoves unha homenaxe ao cante e baile tradicional

O pasado do folclore tradicional galego traído ao presente

O músico e bailarín Luis Prego afondará nos aspectos que caracterizaban o traballo comunitario no r

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 12/04/2011

Traer ao presente tradicións do pasado permítennos coñecer como vivían os nosos antepasados e sobre todo comprobar como eran quen de compaxinar os labores do campo co lecer e o entretemento. Así sucedía no interior de Pontevedra alá pola primeira metade do século XX no que os labregos, unha vez rematada a dura xornada de traballo, cantaban “para botar a aña”. Este “ritual” é o que recupera o músico e bailarín Luis Prego, investigador ademais sobre o folclore tradicional galego, para a conferencia que vai impartir o próximo xoves na Casa das Campás sobre as añas “afondando no aspecto musical e de baile pero tamén no seu carácter colectivo e de unión”. Estará acompañado ademais das Pandereteiras da Ermida e de Toutón, “verdadeiras protagonistas da aña”, que ofrecerán un concerto.

Este tipo de iniciativas culturais permiten divulgar antigos costumes “que provocan un achegamento entre o rural e o urbano” ademais de “ofrecer unha mostra de música e baile tradicional ligada ao agro que hoxe en día carece dos escaparates necesarios”, comenta Prego. Agora ben, evita falar de recuperar tradicións “pois é complicado xa que é difícil botar o tempo atrás e rescatar ese espírito de traballo e lecer colectivo”; prefire o termo “recreación folclórica”, posible “grazas á memoria e a predisposición da xente do interior de Pontevedra”.

Que é a aña?

Estase a falar da aña, pero en que se basea? Como explica Luis Prego, tratábase dunha competición “que facían as mulleres para ver quen remataba antes a faena na leira, na que cos legóns ían rompendo os terróns unha vez pasado o arado”. As que primeiro remataban botaban un aturuxo e dedicábanllo ás que continuaban co traballo e, “nalgunhas coplas destacaban o seu labor e noutras burlábanse das que seguían traballando, dando a entender de que non servían para o traballo duro”. Estes cantos ían acompañados co son de instrumentos improvisados, “o leghón ou a sacha, que golpeaban cun seixo”.

Era costume que algún home tamén se unise á aña, “bailando con todas as que acabaran a faena”. Unha vez rematada a labrada, o dono das terras traballadas convidaba aos xornaleiros a unha merenda “na que se espetaba un ramo de loureiro adornado de lambetadas, botelliñas de licor, caramelos, rosquillas e outras viandas”, volvendo de novo a botar “cantares e muiñeiras arredor do ramo”. A xornada puña o seu punto e final con outros cánticos, “de agradecemento ao amo por lles ter dado de xantar e de beber”.

Soamente en catro concellos do interior de Pontevedra, Pazos de Borbén, Ponteareas, Covelo e Mondariz, hai evidencias de que o ritual da aña se levara a cabo integramente incluíndo cante e baile. “En Soutomaior, por exemplo xa non se practicaba a parte cantada, substituída por aturuxos e ruídos”, engade Prego. Tense rexistrado que a práctica da aña perdurou ata os anos 70 do pasado século, “a cal se foi perdendo progresivamente co paso dos anos, conservando agora o costume de golpear co legón unha vez rematado un rego na labranza”.

Espírito de unión

Ademais do aspecto máis folclórico da aña, Prego salienta o carácter colectivo do traballo realizado “e de unión de todos os labregos”. Era moi habitual que familias de leiras anexas se xuntaran para “realizar xuntos traballos tan duros” o que dalgunha forma xustificaba “o xurdimento dun certo carácter festivo neste tipo de labores”.

A Casa das Campás rendirá, o próximo xoves día 14 de abril ás 20 horas, unha homenaxe ao cante e baile tradicional, primeiro coa conferencia Os traballos comunitarios e o folclore tradicional: as añas a cargo do propio Luis Prego e despois cos concertos das Pandareteiras da Ermida, orixinarias de Pazos de Borbén, e das Pandereteiras de Toutón, de Mondariz, “as que serán as encargadas de facer unha recreación do que era unha aña”, conclúe Prego.