DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun novo grao en marcha e a ollada nun mestrado profesionalizante

Pasado e futuro danse a man na celebración do 25 aniversario da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

O primeiro director e Honoris Causa da Universidade, Aníbal Figueiras, lembrou os inicios do centro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 29/10/2010

Referencia en España e Europa nos estudos das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, celebrou este venres o seu 25 aniversario botando unha ollada ao pasado e mirando con ilusión ao futuro, representado sobre todo nun alumnado que acaba de estrear o novo grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, pero tamén na creación dun novo mestrado que lles dará as apropiadas atribucións profesionais e na posta en marcha de novos proxectos de investigación, centrados arredor de Atlantic e Gradiant.

Para celebrar esta data déronse cita moitas caras coñecidas que curso a curso forxaron a historia da escola; antigos e actuais estudantes, profesores e persoal de administración e servizos reuníronse nun acto que serviu para lembrar as múltiples anécdotas e esforzos que deron lugar a un centro do que saíron desde 1985, data da súa creación, máis de 2600 profesionais das TIC.

Visiblemente emocionada a directora do centro, Edita de Lorenzo, alumna da segunda promoción, fixo as veces de anfitrioa dun encontro no que se deron cita numerosas autoridades, tanto académicas como políticas; os seis ex- directores do centro e boa parte do equipo de goberno, encabezados polo vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García Vázquez, que acudiu en representación do reitor, Salustiano Mato, que por circunstancias familiares non puido acudir á celebración. “Todos xuntos asentamos os cementos dun traballo ben feito que hoxe está dando os seus froitos”, subliñou de Lorenzo.
 

Regreso ao campus de Aníbal Figueiras

Se alguén tivo especial protagonismo nesta xornada “de festa” foi o primeiro director da escola, o profesor Aníbal Figueiras, Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo desde 1999 e hoxe presidente da Academia de Enxeñaría de España. Principal impulsor do centro nun intre no que só había escolas de enxeñaría de Telecomunicación en Madrid e Barcelona, Figueiras lembrou na súa intervención uns anos nos que man a man con Carlos Pajares, naquel intre reitor da Universidade de Santiago de Compostela, da que dependía o centro “e coa inestimable colaboración do profesor José Mª López Mas, que veu expresamente de Barcelona, puxemos en marcha este proxecto, hoxe realidade”.

“Tratemos con cariño as telecomunicacións porque son esencias para a sociedade e para que as persoas poidan acadar o benestar”, subliñou, ao inicio dun discurso no que deu algunhas pistas “a modo de pequenos apuntamentos, dunha longa listaxe de males que afectan ás universidades españolas”. Entre estes “males” Figueiras fixo fincapé nos insuficientes recursos dedicados a investigación e á escasa ou nula coordinación na posta en marcha de novos centros e titulacións. “De feito hoxe en España hai máis de 30 centros nos que se imparten titulacións baixo o paraugas das denominadas telecomunicacións, polo que debo felicitalos por seguir sendo referente nacional”, subliñou.

A sobrecarga burocrática, unha mobilidade demasiado centrada en Europa, pouco peso da formación de posgrao, insuficiente colaboración co sector empresarial... foron algúns dos aspectos sobre os che chamou a atención xa que “son cousas as que é hoxe cando hai que pórlle solución e que non se poden deixar para mañá”.
 

Agradecementos e mencións

A escola non sería escola sen alumnado e, no seu nome, interviñeron no acto Luisa Muñoz e Miguel Armesto, hoxe profesionais de éxito, que, testemuñas de excepción, lembraron con ilusión o seu paso por unhas aulas “onde nos formamos de xeito excepcional, xa que hoxe todos temos bos postos tanto a nivel nacional como internacional”, subliñou Muñoz, ao que Armesto, alumno da primeira promoción, engadiu que “foron anos duros, nos que apostamos por un campo totalmente novo, e nos que aprendemos que nada era gratis, pero que con esforzo e ilusión todo se consigue”, subliñou.

Botando a ollada ao pasado, esta data tamén foi o intre elixido para os agradecementos e a entrega de mencións. En representación do PAS, recoñeceron o labor de Carmen Estevez que, se ben ten unha longa traxectoria como secretaria dos reitores da Universidade de Vigo, tivo un papel destacado na posta en marcha da escola. José Mª López Mas, Sigfredo Pagel, Manuel Meixide, Jeffrey Lessoff e Betty León, profesores xa xubilados do centro, recibiron tamén o seu recoñecemento, así como os ex-directores da escola: Aníbal Figueiras, Domingo Docampo, Miguel L. Coronado, José Santos, Antonio Pena e José María Pousada, agora director do Centro Universitario da Defensa de Marín.
 

Un día de festa

Para celebrar esta data achegáronse ata a escola numerosas autoridades. O alcalde, Abel Caballero; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro; a presidenta da Autoridade Portuaria, Corina Porro; o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Bermúdez ou o vicepresidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Luis Carrera, entre outras autoridades que tamén quixeron acompañar aos “telecos” nesta data.

E como non hai celebración sen música, o Coro Universitario foi o encargado de pór a nota musical a un encontro que rematou coa interpretación do Gaudeamus Igitur e cun viño galego