DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas Iconotypo comezaron cunha semblanza do falecido creador valenciano

Pasado e futuro do deseño gráfico e a tipografía a través dos ollos de Paco Bascuñán

Ao longo de dous días afondarán na situación da profesión e das tendencias

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
M. Del Río DUVI 18/11/2010

Comprometido e arriscado. Así definiron algúns dos que mellor o coñeceron ao deseñador valenciano Paco Bascuñán na apertura das Xornadas de Deseño Gráfico e Tipografía, Iconotypo que este xoves botaron a andar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O falecido creador foi o personaxe elixido para dedicarlle esta segunda edición de Iconotypo, segundo explicou o profesor e organizador Pedro Pablo Gutiérrez, “polo que el fixo polo recoñecemento da profesión”, sendo o primeiro deseñador gráfico que entrou a formar parte da Academia de Belas Artes de Valencia.

Inauguradas polo decano do centro, Fortunato Rodríguez, entre este xoves e mañá venres, algúns dos máis destacados expoñentes tanto da tipografía como do deseño gráfico achegarán ao estudantado da facultade pontevedresa as últimas novidades e vangardas de ambas disciplinas así como un percorrido histórico polas mesmas. Rodríguez salientou que, tanto tipografía como deseño, están intimamente relacionados por un lado coa cultura e, por outro, coa beleza. “Debemos poñer en valor os aspectos culturais e artísticos destas disciplinas”, a tipografía evolucionou sempre paralela ás diferentes civilizacións, pero sen deixar de lado a súa compoñente artística, explicaba.

Paco Bascuñán, un pioneiro

Paco Bascuñán faleceu en 2009 xusto cando se atopaba preparando o seu discurso de ingreso na Real Academia de Belas Artes de Valencia, sendo a título póstumo o primeiro deseñador gráfico en acadar este recoñecemento. Para o decano, este feito pon en valor a profesión que, por primeira vez, “é recoñecida como arte”. “Deseñador, tipógrafo pero tamén pensador”, así explicaba Pedro Pablo Gutiérrez a valía de Bascuñán, para dar paso a dúas das persoas que mellor o coñecían como persoa e como profesional, Raquel Pelta, profesora da Escola Elisava e da Universidade de Barcelona e José Luis Martín Montesinos, profesor da Universidade Politécnica de Valencia. Entre os dous fixeron un percorrido pola súa vida e a súa obra que, segundo Fortuna Rodríguez, transcorreu sempre coa “busca da beleza das cousas” como meta, “buscando solucións novas a vellos problemas”.

Ambos convidados destacaron a compoñente de risco da obra de Paco Bascuñán, “que o afastou dunha traxectoria lineal, con obras espectaculares e outras irregulares” consecuencia da súa capacidade para arriscar, “da súa valentía que o levaba a cuestionar ideas que todos dábamos por sentadas”, explicaba Pelta. Esta capacidade facía que se cuestionase incluso a si mesmo coa necesidade de ornamentación no seu punto de mira.

Por outra banda, Pelta e Martín salientaron o seu compromiso político xa dende os seus comezos durante a transición. Este compromiso, tamén coa profesión de deseñador, levouno a contar entre os seus traballos cunha inmensa lista de colaboracións con ONG e asociacións. Por todo iso, e cun amplo abano de tipografías ideadas por el, Martín Montesinos definiuno como “un dos mellores deseñadores de España”.

Dúas intensas xornadas

A xornada da maña completouse cun relatorio da propia Pelta sobre a evolución do deseño gráfico dende 1984, Modernos, postmodernos y neomoderno e outra intervención de Martín Montesinos que lles achegou aos asistentes recomendacións prácticas no uso da tipografía. O día complétase un obradoiro pola tarde sobre caligrafía.

Na xornada do venres haberá relatorios sobre a tipografía na rede, o deseño gráfico en internet, a dirección de arte e a estética ou a experimentación no que a tipografía se refire.