DUVI

Diario da Universidade de Vigo

30 alumnos da Facultade de Historia están a realizar IV Viaxe de Estudos Arqueolóxicos

Pasar o Entroido descubrindo Grecia

A convivencia, a aprendizaxe e a aventura son os principais alicientes desta iniciativa

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 13/02/2013

Entre días non lectivos e festivos, a semana de Entroido non é, en xeral, especialmente produtiva para o alumnado universitario. Non lle acontece o mesmo a un grupo de trinta estudantes da Facultade de Historia do campus de Ourense, que estes días está a realizar a IV Viaxe de Estudos Arqueolóxicos. Eles decidiron aproveitar estas datas para mergullarse de cheo na cultura, na historia e na arqueoloxía de Grecia, berce da civilazación occidental. Atenas, Epidauro, Tirinto, Delfos e Tesalónica están sendo algúns dos escenarios dunha viaxe inesquecible para todos eles que mestura aventura, convivencia e moita aprendizaxe en primeira persoa.

De Ourense a Grecia

A expedición, organizada como cada ano polo Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo e pola Delegación de Alumnos da Facultade de Historia de Ourense, partiu o día 7 pola noite con destino á capital grega, a Atenas, e regresará o día 17. “A viaxe segue a mesma filosofía das anteriores edicións, é dicir, unha viaxe de estudos arqueolóxicos autoxestionada, organizada por nós mesmos, que propón un itinerario alternativo no que nos moveremos en furgonetas alugadas, durmiremos en albergues e visitaremos lugares non especialmente turísticos pero si de moito interese histórico e arqueolóxico”, explicaba Fermín Pérez, director do Laboratorio de Arqueoloxía, antes da partida.

Con esta filosofía, a trintena de participantes comezaron o día 8 de febreiro o seu percorrido por Grecia. Para facer partícipes desta experiencia a todos os compañeiros do campus e a todas as personas interesadas, o grupo está a publicar fotografías dos lugares que están visitando na páxina en Facebook da Facultade de Historia de Ourense. Delfos, a Acrópole e o seu museo, o Teatro de Dioniso, o Museo de Arte Cicládico, o Teatro de Epidauro, Micenas, o Tesouro de Atreo e o Canal de Corinto son algunhas das imaxes que xa se poden ver nesta canle e que permiten seguir o percorrido do grupo galego por terras gregas.

Esta é a cuarta expedición que se realiza, despois de visitar en 2012 Inglaterra, en 2011 Turquía e en 2012 Alemaña. En todas as ocasións, os participantes regresaron moi satisfeitos pola experiencia persoal e profesional que lles supuxo e pola oportunidade que tiveron de coñecer un lugar dun xeito diferente aos tradicionais paquetes turísticos. Unha impresión que de seguro compartirán ao seu regreso os 30 participantes na IV Viaxe de Estudos Arqueolóxicos.

De Grecia a Siria

Tamén froito doutra expedición, aínda que con diferente protagonistas e escenarios, o día 4 de marzo a Facultade de Historia do campus de Ourense inaugurará a exposición fotográfica De Uruk a Asiria: arqueoloxía e historia antiga no berce da civilización cunha conferencia de Juan Luis Montero-Fenollós, profesor da Universidade da Coruña. A mostra recolle o traballo realizado por investigadores da UDC durante o desenvolvemento do Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio.