DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 5º edición do desfile trasládase ao Pazo de Congresos de Pontevedra o 24 de novembro

A pasarela Debut 2011 faise grande

Por primeira vez o alumnado de Esdemga poderá vender as súas propostas nun showroom

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 18/11/2011

A pasarela Debut muda de localización na edición 2011 que se celebrará o vindeiro 24 de novembro. Tras dúas edicións no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, este ano a dirección dos Estudos de Deseño e Moda de Galiza, Esdemga, decidiu organizar o desfile no recinto feiral do Pazo de Congresos e Exposicións da Pontevedra, onde ao longo de todo o día desenvolverase un grande abano de actividades máis aló do desfile. A gran cita coa moda “afrontámola con máis nervios que outros anos, pois a dimensión deste novo espazo inspíranos moito respecto”, explicou Lola Dopico, directora de Esdemga, na presentación da pasarela e do programa de actividades que se desenvolverán durante a próxima semana na Facultade de Belas Artes e que incluirán obradoiros e xornadas técnico-profesionais. Para Dopico o novo escenario “convértese nunha oportunidade para crear todo dende cero e poder levar a cabo cousas que outros anos non podíamos nin pensar”.

A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, que tamén acudiu á presentación de Debut 2011, amosou a súa satisfacción pola repercusión que xera a celebración da pasarela na sociedade pontevedresa. “O campus e por extensión a Universidade de Vigo goza dun maior recoñecemento grazas ás actividades que se impulsan dende esta titulación”, explicou a vicerreitora. Pola súa banda, Lola Dopico quixo lembrou que a razón de ser de Debut son as 16 novas deseñadoras e deseñadores que por primeira vez se subirán a unha pasarela para presentar os seus estilismos.

Venda de roupa e exposicións

O “gran día do desfile” o recinto feiral abrirá as súas portas ás 11.00 da mañá. Desta volta, Esdemga organiza ao abeiro do desfile un Showroom, no que os visitantes poderán coñecer e adquirir deseños creados polo alumnado da Escola. “Por primeira vez, póñense á venda pequenas propostas como panos, camisetas ou paxarelas”, aclarou Dopico. Dentro deste espazo tamén se incluirá o proxecto Macuto, grandes bolsos feitos polo alumnado a partir da reciclaxe dos macutos militares, e a colección Bug, un proxecto de moda infantil. “Esta nova iniciativa ten a intención de mostrar unhas prendas máis próximas ao mundo real, afastadas dos deseños a nivel de investigación, moito máis profundos”.

O programa do día complétase coa inauguración de dúas exposicións. A primeira amosará un percorrido fotográfico polos prototipos e bosquexos que formaron parte do Proxecto Novel12, desenvolvido por Purificación García e Esdemga, centrado no deseño dun bolso para a marca por parte do alumnado. A segunda mostra recolle unha recompilación das mellores imaxes que reflicten a colaboración entre as novas promesas do deseño e da fotografía nestes cinco anos de Debut.

Obradoiros e presentacións na Escola de Belas Artes

O programa de actividades bota a andar este luns con dous obradoiros intensivos, que se desenvolverán na Facultade de Belas Artes durante o 21 e 22 de novembro. O alumnado de Esdemga aprenderá, por unha banda, da man da ex alumna Eva Soto as capacidades de deseño da técnica de origami, arte de orixe xaponés consistente no pregado de papel e por outra, afondará coa creadora de zapatos Nunu Solsona no deseño artesanal de calzado.

Para o mércores, Esdemga, en colaboración coa marca de moda Desigual, presentarán o Proxecto Célula, co obxectivo de que o alumnado dos primeiros cursos desenvolva unha colección que lle sirva de experiencia profesional. Como punto final, a Casa das Campás acollerá o venres 25 de novembro a xa tradicional xornada técnico-profesional na que os novos egresados entran en contacto co persoal de recursos humanos do mundo da moda. Ademais a deseñadora Purificación García manterá un encontro aberto para falar máis polo miúdo do Proxecto Novel 12. A publicación que todos os anos se realiza ao fío da celebración de Debut desenvolveuse este ano por primeira vez en colaboración coa Cidade da Cultura, “que se puxeron en contacto con nós unha vez que coñeceron o proxecto educativo” explicou a directora de Esdemga.