DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A pasarela Debut09 premia a inspiración búlgara de Isabel Mastache

Carmen Mogo recibiu a mención especial do xurado, que lle outorgou un accésit a Esther Lebrato

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 27/11/2009

A nova promoción de Esdemga amosou onte a súa mellor carta de presentación na pasarela Debut09, ante un público numeroso e entregado no Edificio Sexto do Museo Provincial. Experimentación, creatividade e imaxinación foi a tónica xeral dos proxectos presentados, entre os que finalmente se impuxo a colección Voces búlgaras de Isabel Mastache que convenceu ao selecto xurado deste ano, que lle outorgou o premio fin de estudos por un traballo inspirado en Bulgaria e na súa música. A mención especial foi para o Daily Planet de Carmen Mogo. Así mesmo, o xurado decidiu concederlle un accésit á proposta El coleccionista de Esther Lebrato.
“En Bulgaria existen voces que non son humanas, é a memoria dun país que canta”. Esta impresión foi o punto de partida de Mastache, que presentou uns estilismos coidados ata o máis mínimo detalle, coloridos, divertidos e con impresionantes tocados arquitectónicos, nun desfile áxil e cunha boa selección musical. O mundo dos superheroes atraeu a Carmen Mogo, que traballou sobre a estética do alter ego de Superman, Clark Kent, un estilismo masculino acorde á dobre vida do personaxe. Pola súa parte, Esther Lebrato atopou o punto de partida do seu traballo no afán acumulador dos coleccionistas.
A elegancia da diva berlinesa Marlene Dietrich, o filme de terror Catpeople, o tropicalismo, a ornitoloxía ou o fútbol da man da histórica marca Umbro son algunhas das fontes de inspiración dos restantes proxectos de fin de carreira exhibidos onte. Foron en total doce propostas moi diversas, que recibiron a ovación do público e demostraron a capacidade creativa do alumnado de Esdemga.
O xurado deste ano estivo integrado por Diane Pernet, recoñecida crítica parisiense; Nicolas Vaudelet e Diego Íñiguez, responsables da firma El Caballo; José Castro, deseñador pontevedrés, que ven de gañar o premio L’Oreal en Cibeles; Lucas Arraut, responsable do suplemento xuvenil EP3 de El País; Sofía Clarí, directora creativa de pasarelas como El Ego e a do FIB; e Emilio Tuñón Álvarez e Luís M. Mansilla, destacados arquitectos, autores de proxectos como o do MUSAC.

Tres pases precederon aos proxectos de fin de carreira

O desfile de proxectos de fin de carreira pechou a pasarela Debut09, pero antes puideron verse outros tres pases do traballo desenvolvido por máis dunha trintena de alumnos e alumnas de Esdemga no último ano. O primeiro, Liberty, é unha proposta elaborada a partir dos tecidos cedidos pola prestixiosa casa inglesa do mesmo nome. Concretada en estilismos infantís, os pequenos e pequenas desfilaron con brío pola pasarela, apenas un suspiro que deixou con ganas de ver máis aos asistentes. Esdemga amplía con este proxecto as súas colaboracións internacionais, no que supón un primeiro paso de cara a unha colaboración máis ampla con esta e outras prestixiosas marcas.
Deseguido quince estudantes de segundo curso amosaron as súas coleccións en torno a varias liñas de traballo, baseadas en insectarios e herbolarios, zeppelins e máquinas voadoras, ou sistemas cristalográficos e caleidoscopios. Neste desfile púidose apreciar como os novos deseñadores empregan con total liberdade tecidos clásicos combinados con todo tipo de materiais e complementos tan variados como cascos, volantes, maletíns, cestas de picnic ou gorros en forma de barcos de papel.
O terceiro pase estivo anegado pola escuridade da corte de Felipe II. Ananos, bufóns, monstros, armaduras e a estética de cor negra foron os elementos principais que guiaron o traballo dos doce alumnos e alumnas que desenvolveron este proxecto. Plástico, coiro e metal son os materiais que predominaron neste desfile con trazos goyescos, que amosou tamén a importancia de atender a cada elemento do deseño, con numerosas chamadas de atención na parte de atrás dos modelos.

Dúas mostras en torno á moda decimonónica e a máis actual

Ademais desde as últimas horas, quedaron abertas ao público dúas exposicións no Edificio Sexto do Museo Provincial. Éxtase amosa a última colección de Amai Rodríguez Coladas, ex alumna de Esdemga que obtivo o Premio L’Oreal da última edición de El Ego da Pasarela Cibeles. A segunda mostra está centrada na moda feminina da burguesía pontevedresa decimonónica, revisada a través dos propios fondos do museo. Xunto a prendas, nesta exposición poderán verse figuríns e publicacións que amosan os deseños preferidos da época.