DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pasarelas e estilismo para televisión centrarán a 7ª sesión dos “ Xoves de Moda”

Da man do director da axencia “New Models”, Heriberto Otero

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 14/05/2008

Logo de escoitar os interesantes consellos que a deseñadora Montse Rego deu ás alumnas de Esdemga a semana pasada, na vindeira sesión do ciclo Os xoves de Moda, os asistentes afondarán no excitante mundo das pasarelas e no estilismo para televisión da man do profesional Heriberto Otero. O que actualmente é o director da axencia viguesa de modelos New Models e encargado de estilismo da Televisión de Galicia, compartirá cos estudantes a súa ampla experiencia organizando desfiles e o papel que un deseñador debe desempeñar á hora de preparar un determinado look para os medios audiovisuais.

Unha fiestra aberta á realidade do sector téxtil

O ciclo Os Xoves de Moda, que a propia directora da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), Lola Dopico, define como “unha fiestra aberta que lle permita aos estudantes achegarse á realidade do sector téxtil”, continuará a súa andaina ata o vindeiro 29 de maio. Esta iniciativa está enmarcada dentro da programación de primavera que desde a Vicerreitoría do campus de Pontevedra púxose en marcha coa vontade de que os alumnos poidan compartir experiencias e establecer contactos con diferentes profesionais do ámbito do deseño, expertos en comunicación, produción, estilismo, etc.
Aínda que o programa está dirixido concretamente aos estudantes da escola, ábrese a toda a comunidade universitaria e a todos aqueles interesados dalgún xeito no eido da moda e das novas tendencias.

Máis información.