DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias organiza unha excursión polo Val de Maceda

Un paseo por 1300 millóns de anos de historia para divulgar a xeoloxía

A iniciativa enmárcase dentro da celebración o 8 de maio do Xeolodía en España

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 27/04/2011
“É fascinante comprender que algo que consideras inerte e perpetuo, como unha rocha ou unha fenda, está sometido a constantes cambios e que detrás de si agocha toda unha historia de millóns de anos de evolución e revolución”. Esta fascinación será a que o profesor José Ramón Seara intentará transmitir ás persoas que o vindeiro 8 de maio participen na excursión xeolóxica ao Val de Maceda coa que o campus de Ourense se unirá á celebración en España do Xeolodía. Un paseo no tempo por máis de 1300 anos de historia.

Segundo salienta Seara, a iniciativa, organizada polo Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e a Facultade de Ciencias, “permitirá aos asistentes descubrir os fitos máis significativos da evolución xeolóxica do Val de Maceda como exemplo representativo do que é a xeoloxía de Galicia”. O obxectivo é espertar a curiosidade do público explicándolles que detrás de cada elemento da paisaxe hai unha historia. “A paisaxe galega é resultado de terremotos violentísimos, as termas son un signo de que o planeta sigue vivo internamente, un pregue nunha rocha significa que algo antes o dobregou como manteiga. E todo isto é a xeoloxía”, explica o profesor.

Para todos os públicos

A excursión partirá pola mañá desde a Facultade de Ciencias e regresará pola tarde-noite despois dun día completo de paseo e convivencia que inclúe un almorzo ao pé do Santuario dos Miragres de Baños de Molgas. “Será un paseo polo tempo, polos últimos 1300 millóns de anos dos 4600 que ten o planeta, no que veremos como ao longo deste período se sucederon diferentes ambientes que sorprenderán aos asistentes”.

Dado o carácter divulgativo da visita, Seara fai fincapé en animar a inscribirse nela ás persoas alleas á comunidade universitaria e que teñan curiosidade por gozar dunha xornada diferente. “Queremos sacar as actividades de xeoloxía que facemos na universidade á rúa, para que o público xeral coñeza mellor o que é esta ciencia e para que serve”.

Ao mesmo tempo que se realizará esta excursión, a experiencia estarase repetindo en numerosas provincias españolas xa que se enmarca dentro da celebración do Xeolodía, unha iniciativa de divulgación de ámbito estatal coordinada pola Sociedad Geológica de España. Os interesados en participar poden inscribirse, de balde e ata esgotamento das 55 prazas dispoñibles, no enderezo geolodiaourense@hotmail.com  ou no teléfono 988 387 050.