DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle desde este mércores a mostra 'Con A de Astrónomas'

Un paseo en feminino pola historia da astronomía

No marco dos actos organizados co gallo do Día Internacional da Muller

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 21/03/2012

A piques de rematar este mes vai pechándose tamén a programación de eventos posta en marcha no campus de Ourense para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Este mércores abriuse ao público no Edificio Politécnico a última das accións previstas, a exposición Con A de Astrónomas. A mostra realiza un percorrido pola historia da astrofísica a través da figura e da traxectoria de grandes científicas internacionais. Unha visión en feminino do cosmos para divulgar o coñecemento que existe sobre el e sobre todo para reivindicar as achegas da muller neste eido.

Con A de Astrónomas é unha iniciativa do grupo 'Ela é unha Astrónoma', formado por profesionais do campo da astronomía, a filosofía, a historia e o ensino, levada a cabo co gallo da celebración do Ano Internacional da Astronomía en 2009. Comisariada polas docentes Josefina F. Ling, da Universidade de Santiago de Compostela, e por Eulalia Pérez, do CSIC, ofrece unha dobre lectura. Por unha banda, propón un paseo polo coñecemento, pola historia desta ciencia, polos observatorios e centros de investigación en astrofísica e polo propio Universo. Por outro lado, fai un percorrido visual polas achegas das mulleres á astronomía.

Dos eclipses de lúa da antigüidade ata hoxe

“A mostra lembra a moitas das astrónomas máis destacadas da historia, desde Aglaonike, que predicía eclipses de lúa na Grecia clásica, a Caroline Herschel, que descubriu cometas e estudou as estrelas binarias no século XVIII”, salienta Jesifina F. Ling. Este percorrido desde as orixes da ciencia ata a actualidade é posible porque, apuntan as comisarias, en todas as épocas da historia atopámonos con astrónomas que dedicaron a súa vida ao estudo dos corpos celestes.

Para reivindicar a súa visibilización, ademais de facer fincapé especial nas figuras máis destacadas, entre os 13 paneis que conforman a mostra un deles recolle o nome de 116 relevantes astrónomas españolas. Un protagonismo feminino que tamén quedou patente na elaboración desta mostra, xa que en Con A de Astrónomas participaron nove astrónomas de distintos centros de investigación, encabezadas por Josefina F. Ling e Eulalia Pérez.

Premio á introdución da perspectiva de xénero na docencia e a investigación da USC, a exposición estará aberta a todos os interesados no primeiro andar do Edificio Politécnico ata o vindeiro 30 de marzo. Unha oportunidade que desde o Servizo de Actividades Culturais do campus animan a aproveitar a toda a comunidade universitaria ourensán para botar unha ollada aos principais fitos da astrofísica e ao papel fundamental que tivo a muller neste eido desde a antigüidade ata os nosos días.