DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Boa fin de semana para os dous equipos sénior de baloncesto do campus de Ourense

Un paso adiante en baloncesto, un paso atrás en rugby

Derrota nas tres categorías de rugby que xogaron fóra da casa o sábado

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 14/02/2012

Vitorias en baloncesto e derrotas en rugby. Este é o resumo desta fin de semana de competición para os equipos do campus ourensán. O Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior masculino conseguiu finalmente rachar cunha vitoria a cadea de derrotas que acumulaba, mentres as súas homólogas femininas consolidaban o seu liderado na primeira división autonómica da súa categoría. Pola contra, os tres equipos do Campus Ourense Rugby que xogaron esta fin de semana, o masculino, o feminino e o cadete, regresaron a casa con cadansúa derrota.

Despois de perder os últimos catro encontros, o Universitario Campus Ourense masculino sénior gañou o sábado ao CD Recimil nun disputado partido que rematou cun resultado final de 50-62 puntos. O marcador coloca aos xogadores que adestra Javi Pérez nun décimo lugar, ascendendo un posto respecto á xornada anterior. Esta vitoria consegue dar un respiro aos xogadores e equipo técnico e devólvelles parte da ilusión e a confianza perdida polos malos resultados que estaban acumulando.

Seguindo estes bos resultados, o equipo de baloncesto sénior feminino celebrou a fin de semana a súa décima vitoria consecutiva. As xogadoras que adestra Roberto Rapela gañaron de xeito contundente ao La Salle, cun marcador final de 71-49 puntos. Esta resultado é especialmente importante para as ourensás porque consolida o seu primeiro posto na primeira división autonómica feminina e porque a vitoria foi contra un dos seus inmediatos contrincantes na loita polo liderado da liga.

Tres derrotas en rugby

En contraposición a estes bos resultados, os equipos masculino, feminino e cadete do Campus Ourense Rugby perderon os seus encontros fóra da casa durante a fin de semana. O equipo sénior desprazouse a Lugo para xogar fronte o Muralla, equipo contra o que por segunda vez consecutiva perdeu, nesta ocasión cun resultado final de 49 a 24 puntos. Esta derrota ten un sabor especialmente amargo para os xogadores ourensáns porque os afasta do terceiro clasificado da súa liga, Lalín, e polo tanto dos postos de cabeza.

O equipo feminino de rugby pola súa banda desprazouse a Lalín para tentar conseguir a primeira vitoria de liga pero finalmente perdeu por un resultado final de 27 a 6 puntos. A inexperiencia en competición oficial das ourensás está a pasarlles factura nos resultados aínda que manteñen toda a ilusión do primeiro ano de competición. Tamén sufriu unha derrota o equipo cadete, que perdeu contra o CRAT na Coruña por 39 a 3 puntos.