DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convenio entre Universidade e Instituto Politécnico de Leiria para colaborar en proxectos do Campus

Un paso adiante para consolidar a Eurorrexión como líder internacional en investigación mariña

Os investigadores portugueses incorporaranse aos clústers de I+D do campus de excelencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 07/11/2012

Seguir traballando para ter a “maior concentración de talento de Europa” investigación mariña. Esa é un dos obxectivos cos que a Universidade de Vigo asinou esta mañá un convenio de colaboración co Instituto Politécnico de Leiria, co que se impulsa a colaboración entre ambas institucións para desenvolver diferentes proxectos dentro do Campus de Excelencia Internacional. “Entra dentro da nosa aposta estratéxica para que o Campus do Mar represente a agrupación de I+D da Eurorrexión e de converter á Península Ibérica na locomotora da investigación mariña europea”, explicou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tras a sinatura.

Esta colaboración a longo prazo nace da idea de estar unidos para ser fortes en docencia, investigación, innovación tecnolóxica e transferencia do coñecemento dentro dun sector económico de vital importancia no ámbito xeográfico no que se atopa. “Nos temos moitas cousas en común con España e coa rexión de Galicia, unha delas o mar. Para nos representa un potencial enorme dende o punto de vista económico, estratéxico e científico”, recoñeceu o vicepresidente do Instituto Politécnico de Leiria. A institución portuguesa ten un dos seus centro de investigación especificamente orientado “ao estudo dos asuntos do mar, e esta colaboración ten unha especial relevancia dende o punto de vista científico e pedagóxico, xa que desenvolveremos distintos proxectos de forma conxunta”.

Catro anos de traballo

Coa idea de crear en Galicia un polo científico-tecnolóxico capaz de converterse en pouco tempo nun referente a nivel internacional, este convenio permitirá a incorporación dos investigadores do instituto luso aos clústers do I+D do Campus do Mar, así como a cooperación en actividades docentes e nos programas de doutoramento ou de mestrado do Campus de Excelencia. Ademais, o persoal investigador poderá participar por tempo indefinido no deseño e desenvolvemento de programas, na execución de proxectos e contratos de investigación e no deseño de proxectos de divulgación científica. O documentos terá unha duración de catro anos renovable.

Á sinatura do convenio acudiron xunto con Mato e Marqués, a directora da Escola Superior de Turismo e Tecnoloxía do Mar, Teresa Margarida Lopes da Silva, e os profesores Marco Lemos e Rui Pedrosa.