DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Stanley Brinks e I am Kloot, actuaron trala proxección do documental “Control”

O paso de Sonora09 polo campus enche o Vidal Bolaño dos sons máis independentes

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/11/2009

O documental que narra a biografía do vocalista de Joy División desde 1973, cando era un adolescente, ata a véspera do inicio da primeira xira do grupo en 1980, abriu o programa do Ciclo Sonora no seu paso polo campus vigués. Con Control , obra do prestixioso fotógrafo Anton Corbijn, comezou unha tarde de música independente na que Stanley Brinks e I am Kloot foron os encargados dos directos que se puideron escoitar no Teatro Vidal Bolaño, nunha nova entrega a programación cultural do primeiro cuadrimestre da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.
Rodado en branco e negro, Control recolle a atmosfera do Manchester das décadas dos 70 e 80, achegando ao espectador a autenticidade da música de Joy División a través da biografía do seu vocalista Ian Curtis que rematou coa súa vida en 1980 cando tiña 23 anos. Con tan só tres discos no mercado Joy Division foi quen de se converter nunha das maiores influencias no mundo da música dos últimos 30 anos.

Tradición acústica e New Acoustic Movement

A música de Joy Division na lembranza deu paso á musica en vivo de Stanley Brinks e I am Kloot que encheron o Vidal Bolaño cos sons máis independentes. Acompañado de Freschard e Ish Marquez, Stanley Brinks foi o encargado de abrir boca nunha tarde na que xunto aos seus acompañantes protagonizou unha jam moi especial. Oscilando entre as cancións tradicionais completamente acústicas ata interpretacións máis próximas ao rock´n roll, Stanley Brinks recalou no Vidal Bolaño nunha xira que este mes o leva por escenarios de toda a península .
E do peculiar xeito de entender a música de quen fora integrante da banda francesa Herman Dune, o paso do Sonora09 polo campus pechou a xornada coa actuación de I am Kloot, a banda de Manchester. Englobada no New Acoustic Movement, I am Kloot, estreáronse hoxe en Galicia co seu paso polo Vidal Bolaño que foron quen de encher da intensidade das súas composicións propias dunha banda madura e asentada na industria. John Bramwell xunto con Andy Hatgreaves e Peter Jobson tocaron hoxe no campus vigués temas do seu último disco I Am Kloot Play Moolah Rouge, sen esquecer temas xa tradicionais na súa discografía como Twist ou Morning Rain ,chamados a se converter en clásicos do pop.