DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Biocaps organiza este luns un seminario sobre a protección da propiedade industrial e intelectual

Patentes en biomedicina: por que, cando, como e onde?

Dirixido a investigadores, terá lugar no Hospital Meixoeiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/05/2014

As patentes son unha das ferramentas que os investigadores e investigadoras dos centros públicos empregan para transferir o coñecemento xerado como resultado dos seus traballos e proxectos. Porén, o seu funcionamento, prazos e requisitos non entran dentro da formación regrada da comunidade científica. Para cubrir este baleiro, o Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, no marco do proxecto Biocaps, organiza este luns 12 de maio unha xornada na que os investigadores poderán coñecer todo o que precisan saber sobre a propiedade intelectual e industrial.

A xornada terá lugar en horario de mañá no Hospital Meixoeiro, en colaboración coa Oficina Española de Patentes e Marcas e co Centre de Patents da Universidade de Barcelona. Nela proporcionarase formación básica de carácter multidisciplinar. E é que precisamente por tratarse dun concepto no que conflúen a ciencia, a técnica, o dereito, a documentación e a economía, o das patentes é un campo que non entra dentro dos programas formativos tradicionais.

Programa da xornada

A directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, Glora García, será a encargada de abrir a xornada e dar paso á intervención de Pascual Segura, axente da propiedade industrial da Universidade de Barcelona, fundador e director do seu Centre de Patents e membro da primeira xunta asesora académica da Academia Europea de Patentes. Segura explicará aos asistentes o papel que xoga a propiedade industrial e intelectual no mundo actual, en concreto as patentes. Afondará no camiño que se debe percorrer para facer que un descubrimento derive nunha invención e incidirá en que é o primeiro que se debe facer cando se ten unha invención patentable. Tamén lles presentará casos que son ou non patentables, as técnicas para redactar unha solicitude de patente e os mellores xeitos de rendabilizar as invencións realizadas por investigadores de universidades e centros públicos de investigación. Na segunda sesión, Carmen Toledo, xefa da Unidade de Información Tecnolóxica da Oficina Española de Patentes e Marcas, responderá a por que, como e onde buscar información contida nas patentes.

O reto de combinar divulgación e protección

No eido da biomedicina, como no ámbito da saúde en xeral, as patente xogan un papel moi destacado, polo que é preciso que a comunidade científica se afaga a traballar con estes conceptos e a protexer o coñecemento para poñelo a disposición a sociedade. Os expertos que impartirán esta xornada presentarán exemplos de dereitos de autor (marcas, licencias, patentes, etc) e explicarán por que os organismos públicos teñen a obriga moral de patentar os seus avances e tentar transferilos. Amosarán as claves e diferenzas entre a solicitude española de patente e a internacional, pero avanzan que a solicitude prioritaria debe estar redactada en inglés.

Para os expertos en propiedade intelectual e industrial é moi importante tamén que a comunidade científica entenda os riscos da auto-divulgación prematura. A publicación de artigos ou a presentación de traballos en congresos ou conferencias poden afectar negativamente á novidade ou á actividade inventiva. Non obstante, existen xeitos de combinar ambas actividades, vías que se presentarán nesta xornada para que os investigadores compaxinen sen risco as publicacións científicas e as patentes. Neste sentido, destacan o importante papel de asesoramento que teñen as OTRI das universidades.
Con todo, a recomendación xeral é patentar só aquilo que mereza a pena ser patentado porque, a pesar de que no conxunto de resultados dunha investigación sempre se pode atopar algo patentable, non sempre paga a pena facelo e non sempre a patenta e a modalidade de protección adecuada.