DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En recoñecemento ao seu labor e traxectoria neste ámbito

Patricio Sánchez e María del Pino Díaz, entre as persoas galardoadas coas distincións ao mérito deportivo da Xunta de Galicia

Os profesores do campus de Ourense recolleron este martes en Ferrol os seus premios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 31/01/2024

Este martes pola noite, o Teatro Jofre de Ferrol acolleu o acto de entrega das distincións ao mérito deportivo 2023 da Xunta de Galicia, presidido polo presidente Alfonso Rueda. Entre as 108 persoas e entidades que recibiron a máxima condecoración do deporte a nivel autonómico estiveron os profesores do campus de Ourense Patricio Sánchez e María del Pino Díaz. Estas distincións son concedidas anualmente logo de proposta motivada dun xurado en recoñecemento do labor ou traxectoria, notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia, ás persoas ou entidades que estean contribuíndo ou contribuísen ao crecemento, promoción, fomento e excelencia do deporte e da educación física en Galicia.

Tanto Patricio Sánchez como María del Pino Díaz contan cunha dilatada traxectoria vinculada ao ámbito de deportivo que abrangue desde a práctica (como deportista e/ou na arbitraxe) ata a docencia, a xestión e a investigación. Así, entre outros méritos, Patricio Sánchez, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, é coordinador do Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, considerado o segundo mellor de Europa no seu eido, e pertencente ao Comité Galego de Árbitros, sendo ademais vogal de Natación do Comité Nacional de Árbitros, árbitro internacional de Augas Abertas e membro da Liga Española de Natación. Agradecendo ao xurado a concesión desta distinción, o docente destaca que “é unha alegría recibir un recoñecemento polo teu traballo”, e especialmente neste caso pola súa traxectoria “sempre vencellada ao mundo de deporte”.  Outro motivo de satisfacción, engade, “é que entendo a distinción dun xeito colectivo, posto que se me entrega a min como representante do MBA Deporte da Universidade de Vigo, que é un proxecto que conta cunha grandísima equipa detrás e moitas horas de traballo ilusionado e apaixonado”.  

Igualmente, María del Pino Díaz, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social, destaca a súa satisfacción por ter acadado este recoñecemento e o seu agradecemento pola concesión. “Sempre é gratificante ver recoñecido o esforzo feito”, apunta. No seu caso, indica, a distinción recoñece unha traxectoria na que ao longo dos anos pasou por case todos os roles asociados ao deporte, “desde deportista, xuíza, adestradora, formadora de adestradoras e psicóloga da Federación de Ximnasia ata agora na formación de profesionais (mestres, educadores sociais e traballadores sociais) utilizando o deporte como unha ferramenta educativa, sen esquecer a investigación e a xestión deportiva”. Entre outros moitos méritos, a profesora ten sido membro da selección nacional absoluta de ximnasia rítmica nos anos 80, sendo quinta no campionato do mundo.