DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha mostra recolle un ano e medio de traballo do proxecto de Niquelarte

O patrimonio 'BIComún' emerxe en Alterarte

Os materiais propoñen unha reflexión sobre a conservación dos bens culturais

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 16/09/2013

Dun lado está a palabra BIC, que significa Ben de Interese Cultural, a máxima categoría de protección recollida pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Doutro, común ou procomún, definidos neste caso como aqueles bens que pertencen a todos, que se herdan, que se crean conxuntamente e que se deixan ás xeracións futuras. Da suma de ambos conceptos, a asociación Niquelarte creou unha nova categoría que chamou BIComún, unha iniciativa experimental que levou ás rúas o debate sobre a conservación do patrimonio e sobre o seu futuro. Unha exposición na Sala Alterarte do campus de Ourense acolle desde hoxe unha mostra dos froitos desta acción.

“Dentro da programación da nosa sala de arte contemporánea Alterarte, esta mostra é un proxecto singular que recibimos con satisfacción porque bicomunica este espazo coa cidadanía e porque pon sobre a mesa o debate da súa relación coa contorna”, destacou María Lameiras durante a inauguración da mostra, que leva por título Coñeces BIComún?... A vicerreitora do campus de Ourense foi, xunto a Beatriz Comendador, decana da Facultade e Historia, e Adela Vázquez e María Masaguer, da asociación Niquelarte, a encargada de presentar unha iniciativa na que, destacan, participan dun xeito ou doutro moitas outras entidades, como Xeitura, Xarda e Arispunk. “A exposición permea as paredes de Alterarte e chega á cidadanía para suscitar o debate de que é o que verdadeiramente queremos facer co patrimonio”, salientou Beatriz Comendador.

Coñeces?...

O visitante pode ver nesta exposición material moi diverso froito da actividade de proxecto promovido por Niquelarte. “A mostra reflicte un ano e medio de traballo colectivo, no que comezamos cun concepto que logo nos levou á rúa e a un proceso de experimentación no espazo público ao que se sumou moita xente”, salientou Adela Vázquez. Así, na sala amósase ao público os murais co traballo práctico realizado por alumnado universitario nun obradoiro, murais nos que se analiza esquemáticamente o estado de elementos patrimoniais como o Castro de Oira ou a antiga prisión de Ourense, e se fan propostas de futuro. Tamén se poden ver fichas dos bens considerados BIC en Ourense, como o claustro do Convento de San Francisco ou as fontes termais das Burgas. Imitando estas fichas tamén se poden observar outras pertencentes a outros bens que durante o proxecto BIComún se expuxeron en fotografías ao público para a súa valoración, como o Parque de Montealegre en Ourense. “A clave foi saír á rúa e preguntarlle á xente a súa opinión para, entre todos, facer unha diagnose de como está o patrimonio e como debería protexerse”, apuntou María Masaguer.

A mostra, que estará aberta ata o día 11 de outubro, dá continuidade ao programa Coñeces?..., iniciado o curso pasado co obxectivo de achegar á comunidade universitaria en particular, e a calquera persoa interesada en xeral, o patrimonio cultural e natural inmediato ao campus e mellorar o recoñecemento social destes lugares, activando as engrenaxes para o seu estudo e conservación. Nesta edición, explican os seus promotores, a iniciativa pretende afondar na falta de participación cidadá na xestión patrimonial propoñendo accións coma esta mostra ou o obradoiro sobre BIComún celebrado ao inicio deste curso na Facultade de Historia.