DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Historia uniuse este xoves á celebración do Día Internacional dos Monumentos e Sitios

Un patrimonio máis vivo ca nunca

O centro convoca un concurso fotográfico sobre esta temática

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 18/04/2013

Cada 18 de abril celébrase o Día Internacional dos Monumentos e Sitios, declarado así pola UNESCO para promover a toma de conciencia sobre a diversidade do patrimonio cultural da humanidade e sobre a necesidade de protexelo e conservalo. Este ano a Facultade de Historia do campus de Ourense quixo unirse a esta conmemoración presentando a convocatoria do concurso fotográfico Dálle vida ao patrimonio e apoiando todo un programa de actividades de difusión e divulgación organizadas durante a xornada por diferentes entidades.

"Como unha sorte de homenaxe a este día internacional e tendo en conta a súa faciana patrimonial e educativa, presentamos este concurso, que ten como obxectivo "revitalizar" o noso patrimonio cultural e arqueolóxico a través da fotografía", destacou Susana Reboreda, vicedecana da Facultade de Historia, durante a presentación da iniciativa. O certame, explicou Martiño Xosé Vázquez, arqueólogo coordinador da programación e responsable de Xeitura, enmárcase dentro das accións deseñadas para este 18 de abril e que teñen como eixe central achegar o patrimonio aos cidadáns, especialmente a través do coñecemento do Castro de Santomé, orixe da cidade de Ourense. “As xornadas comezan aquí, no campus e con este concurso, porque este ano o tema escollido para este día internacional é o patrimonio da educación. Polo tanto, nada mellor que iniciar a súa conmemoración na Facultade de Historia e continuar logo a programación cunha proxección e con talleres didácticos”, destacou o arqueólogo.

Imaxes de monumentos e da súa vida pasada

As persoas que desexen participar no certame Dálle vida ao patrimonio teñen que presentar unha imaxe que amose monumentos e/ou sitios con xente recreando diversas actividades relativas á vida deses lugares ao longo da súa historia. As fotografías acompañaranse dun pé explicativo ou comentario do autor. "O concurso está aberto á participación de calquera persoa de calquera idade que sinta respecto e atracción pola historia e os seus bens patrimoniais", subliñou Susana Reboreda. Todas as fotografías, en formato dixital terá e resolución igual ou superior a 300 ppm., deberán ser orixinais e estar libres de dereitos, aceptándose só unha obra por participante.

Un xurado, formado pola decana da facultade, Beatriz Comendador, por un membro do persoal docente e investigador, un membro do persoal de administración e servizos e por un estudante, elixirá ás instantáneas gañadoras, que se darán a coñecer o 27 de maio. Coa selección das obras presentadas realizarase unha ou varias exposicións durante o ano seguinte á resolución do concurso. Ademais, as imaxes poderanse divulgar a través da web, da páxina en Facebook e do blog da Facultade de Historia. Haberá un primeiro premio, consistente nun disco duro externo de 750 Xb con interfaz USB 3.0., e tres accésits, aínda por determinar. Para calquera dúbida, as persoas interesadas poden contactar coa Secretaría do Decanato da Facultade de Historia no teléfono 988 387 200 ou enviando un correo electrónico a sdefho@uvigo.es.