DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O secretario xeral do PSdG interveu no Foro Galego de Economía e Empresa

Patxi Vázquez apunta á innovación e á investigación como claves para saír da crise

Na Facultade de Ciencias Empresariais e do Turismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 29/10/2010

“Temos que apostar por políticas de innovación e investigación, pola dinamización da iniciativa empresarial e polo estímulo da cultura emprendedora”. Esta é a receita para saír da crise que Manuel Vázquez, secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, propuxo no transcurso da conferencia que ofreceu na Facultade de Ciencias Empresariais e do Turismo.

No relatorio, que serviu para inaugurar os actos que o Foro Galego de Economía e Empresa ten programados para este curso, Vázquez disertou sobre a etapa de recesión económica que atravesamos actualmente. Segundo afirmou, “para deixar atrás a crise tan só hai dúas opcións. A primeira delas pasa por adoptar unha aptitude proactiva e a outra en vela pasar como quen observa un fenómenos meteorolóxico adverso”. Dende o seu punto de vista, a mellor postura consiste en enfrontar o futuro económico abordando novos retos, porque, segundo dixo, “xa nada vai devolvernos ao estado de benestar que tiñamos ata o 2007”.

As claves das políticas a adoptar residen, segundo o secretario xeral do PSdG, no apuntalamento da produtividade e a competitividade, que convertan ás empresas galegas en punteiras nos seus respectivos eidos. O futuro pasa por unha reorientación do modelo de crecemento cara á eficiencia no uso dos recursos e á diminución de custos, pois só deste xeito se poderá crear emprego. “Temos que pensar que Galicia precisa este cambio de maneira absolutamente urxente”, considera Vázquez, que engade que “sairemos adiante apostando polo capital humano individual e colectivamente”.

Un dos erros clásicos do tecido produtivo e empresarial galego reside na falta de contratación de titulados e tituladas universitarias, “xente cunha formación magnífica que acaba fuxindo a outras comunidades onde as oportunidades de emprego e de desenvolvemento persoal son maiores”, dixo Vázquez, que abogou pola formación e a educación como armas imprescindibles para a cohesión e o desenvolvemento social.

Galicia en termos macroeconómicos

Galicia é a comunidade con maior produción leiteira do estado e ao mesmo tempo é a que ten os prezos máis baixos. Este exemplo serviulle ao secretario xeral do PSdG para poñer de manifesto a necesidade de apostar abertamente por un novo modelo económico que permitiría acadar un ritmo de crecemento estable e de calidade, converxendo con outros territorios de España que están medrando a ritmos superiores. “Hai que desenvolver o tecido empresarial para transformar aquí as nosas materias primas. É preciso crear un gran grupo lácteo galego que nos faga competitivos”, dixo.

Como mostra de que a innovación e a aposta pola calidade e investigación poden dar bos resultados, o político galego sinalou os casos de Coren e o Grupo Cuevas. “”Ambos son exemplos magníficos de como se pode saír adiante nun medio adverso, caracterizado pola dispersión e o minifundismo”, segundo as súas palabras.