DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Complétase a renovación da sinalización das instalacións deportivas universitarias

Un pavillón recoñecible por todas e todos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 28/04/2014

Unha nova imaxe por dentro e por fóra. Iso é o que se pretende conseguir desde a Vicerreitoría do campus de Pontevedra para o pavillón universitario, onde veñen de rematar os traballos de instalación da nova sinalización identificativa, coa que se pretende facer desta unha instalación recoñecible por toda a comunidade universitaria e a cidadanía de Pontevedra. Así mesmo, nos últimos días tamén se acometeron os traballos de limpeza do exterior desta instalación, co obxectivo de que o cambio de imaxe do pavillón universitario poida completarse proximamente coa execución do traballo gañador do concurso convocado para dotar dun mural a dúas das súas paredes.

Antonia Blanco, vicerreitora en funcións do campus de Pontevedra, salientou “que está actuación, que quedou rematada o pasado venres, está enmarcada dentro do proxecto de mellora do pavillón universitario, no que tamén se insire o programa Pavillón Verde: Deporte Sostible no campus de Pontevedra”, no que se engloban actuacións como a instalación de novos colectores ou o estudo da accesibilidade da construción.

Segundo explica o técnico do Servizo de Deportes do campus de Pontevedra, Gustavo Loureiro, esta renovación da sinalización afecta "tanto á fachada principal como á traseira, onde se instalou un gran cartel para que o pavillón poida ser identificado desde a estrada”. Ademais, tamén se instalou unha banda identificadora nas paredes do interior do pavillón na que foi a “primeira fase” das actuacións previstas para a renovación da imaxe da instalación deportiva, que antes do 30 de xuño se verá completada pola coa execución do proxecto gañador do concurso de ideas para a execución dun mural nos muros do pavillón nas rúas Padre Martín Gaite e Cruz Vermella.