DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aeróbic e power pump, danzas orientais, pilates ou tenis son algúns dos cursos que se ofertan

O pavillón universitario acapara o protagonismo na nova convocatoria das Escolas Deportivas

A instalación acollerá boa parte das actividades do programa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 29/09/2009

Aeróbic e power pump, danzas orientais, pilates e tenis, ademais do programa En boa forma son as actividades que o pavillón universitario acollerá ao longo do curso no marco das Escolas Deportivas. Un programa no que, como cada ano, tamén están presentes múltiples actividades que os membros da comunidade universitaria poden realizar en diferentes centros deportivos e ximnasios da cidade. Desde natación, actividades de relación ou programas diarios ata técnicas orientais como kung-fu nos centros Budo, Onsen, Ardeas, Campolongo ou Mace Sport integran a nova convocatoria que este martes presentaron o vicerreitor de campus, Jesús Hernández, e mailo responsable do Servizo de Deportes, Gustavo Loureiro.
A principal novidade desta convocatoria, segundo sinalou o responsable do Servizo de Deportes no campus, é a inclusión do pavillón “como un centro con actividade permanente” logo dunha mellora das instalacións que permite “a realización de actividades con bastante afluencia de xente”. Cada unha das catro propostas que se desenvolverá no pavillón (aeróbic e power pump, danzas orientais, pilates e tenis) será recoñecida cun crédito de libre configuración para o alumnado da Universidade. Cada actividade pode contratarse por cuadrimestre ou anualmente e os prezos poden consultarse na web do Servizo de Deportes

Un programa de actividade física que fai cidade

O vicerreitor tamén destacou a importancia do protagonismo que está a tomar o pavillón no desenvolvemento de actividades deportivas e, ao mesmo tempo, sinalou que as Escolas Deportivas configuran "un programa para a comunidade universitaria, pero que vai máis aló: facemos cidade”. “Desde o momento en que alumnos, subvencionados pola Universidade, ocupan os ximnasios de Pontevedra contribuímos, en tempos de crise, a que pequenas empresas deste tipo se manteñan”, explicou. Non en van, trátase dunha actividade tradicionalmente moi ben acollida no campus xa que, segundo comentou Loureiro, Pontevedra é o campus da Universidade “con maior ratio de alumnos neste programa” se relacionamos os usuarios (máis de 460 no curso pasado) e os alumnos.
Nesa mesma liña de achegar o campus e a Universidade á cidadanía, o responsable do Servizo de Deportes no campus anunciou que a partir do 1 de outubro, a sala de cardio-fitness do pavillón abrirase a usuarios de fóra da comunidade universitaria a través da compra de bonos de dez ou vinte sesións.

Seguimento personalizado

Xunto ás actividades das Escolas Deportivas, a comunidade universitaria podérá dispoñer de novo este curso do programa En boa forma, que se desenvolve na sala de cardio-fitness do pavillón e que, segundo recordou Loureiro, “dá ao usuario o dereito de ter unha revisión médico-deportiva, unha valoración da súa condición física por parte dun especialista e mailo deseño dun programa personalizado, ademais dun pulsómetro como agasallo”.
O período de inscrición xa está aberto e poderá realizarse ata o 15 de outubro no propio pavillón (Cruz Vermella s/n). Tamén xa está o aberto o prazo para presentar equipos nas ligas universitarias, unha actividade na que o campus pontevedrés adoita estar “moi ben representado a nivel universitario, galego e incluso español”, apuntou Loureiro.