DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi escollido pola Universidade para integrar o proxecto europeo ‘Green City’ sobre eficiencia enerx

O Pavillón Universitario do campus protexe a saúde e o medio ambiente

Reduciu o seu consumo eléctrico nun 50% grazas á instalación dunha placa solar e a mellora da envol

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 15/02/2012

O Pavillón Universitario do campus de Pontevedra non só destaca polas súas instalacións deportivas ao servizo de toda a comunidade universitaria e da cidadanía en xeral, senón tamén por ser respectable co medio ambiente. O aforro e a eficiencia enerxética do edificio pontevedrés fixo que a Universidade de Vigo o escollera como representante da institución no proxecto Green City, enmarcado dentro do programa Life + da Unión Europea, no que se busca controlar o gasto de electricidade, auga e gas dos edificios públicos do continente mediante a monitorización dos seus consumos.

Neste proxecto colabora a Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo, participando tamén, ademais do pavillón Universitario do campus, outros edificios públicos do Concello de Vigo, dos que se extrarán o gasto enerxético total. A cidade galega contrastará o seu nivel de consumo co de edificacións de semellantes características da cidade francesa de Nantes, co fin de comparar que medidas enerxéticas provocan un maior aforro. A recollida de datos será feita polas empresas francesas Vizelia e Euroquality e pola belga Eneas. Como explican dende a Unidade Técnica da Universidade, formar parte deste proxecto supón un recoñecemento internacional á estratexia de sustentabilidade implantada no campus pontevedrés e en toda a institución, ademais de consolidar a política de redución dos consumos nos edificios.

A idea é que os edificios participantes en Green City acaden un aforro 20% do consumo enerxético e nun 10% das emisións ambientais mediante a mellora da eficiencia enerxética dos edificios públicos e fomentando boas prácticas entre os usuarios co fin de optimizar o consumo. Deste xeito demostrarase a posibilidade de conseguir aforros no gasto de enerxía eléctrica e de auga cunha política informativa dirixida aos usuarios e usuarias para tentar establecer hábitos que potencien o emprego de enerxías renovables.

Aforro dun 50% de electricidade dende 2007

Un dos motivos polo que o Pavillón Universitario do campus foi seleccionado para o proxecto Green City reside nos aforros enerxéticos que experimentou no último lustro, reducindo o seu consumo enerxético nun 50% dende 2007 grazas á mellora da súa envolvente exterior e pola instalación dunha placa solar térmica. A Unidade Técnica, a través da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, implantou estas medidas de aforro enerxético, primeiro reforzando a cuberta e o illante do pavillón co que conseguiron unha menor perda de calor e un menor consumo. Posteriormente, instalaraon unha placa solar que cobre a demanda de auga quente dos vestiarios. A mellora da iluminación mediante luminarias de baixo consumo tamén contribuíron á optimización enerxética.

Un sistema de monitorización e control do consumo de electricidade, combustible e auga a tempo real foi instalado en cada un dos edificios que forman parte do proxecto. Nunha primeira fase, os coordinadores realizaron unha visita ao pavillón para tomar datos das instalacións de enerxía e auga existentes e ver a posible ubicación dos contadores de control. Este proxecto, que pon de relevancia a política de enerxía renovables do campus, achegará os seus resultados definitivos a finais deste ano.