DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Invertíronse máis de 35.000 euros na súa remodelación e equipación

O pavillón universitario estrea unha completa sala de cardio-fitness

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 19/12/2008

A fin do ano é tempo de revisión e establecemento de novos obxectivos. A adopción duns hábitos de práctica de actividade física adoita ser un deles e, no campus de Pontevedra, xa non hai escusa para non cumprilo coa apertura do pavillón a todos os membros da comunidade universitaria. Ata hai pouco a súas instalacións só eran empregadas para os alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte pero agora queda baixo a xestión do Servizo de Deportes. O pavillón acolle este cambio cunha remodelación para axeitarse aos novos obxectivos.
A xoia do pavillón é a nova sala de cardio-fitness, na que se invertiron máis de 35.000 euros para a súa equipación. Conta con todo tipo de máquinas; desde bancos abatibles, multipower de discos e tren de poleas ata remo-ergómetro, barra olímpica, barras de alzamentos, bicicletas elípticas e magnéticas, prensa horizontal, press de ombros e flexión e extensión de pernas. Estudantes, profesores, investigadores e PAS poderán facer uso libre deste remodelado servizo que permancerá aberto de luns a venres, de 9.30 a 14.00 horas e de 15.30 a 21.30.
O pavillón tamén renovou a súa imaxe cos arreglos da cara externa do edificio e as cubertas e ao longo do ano que vén traballarase na mellora das cubertas e cubrirase a pista, aínda que polo momento está por decidir con que tipo de material. Tamén se habilitará o espazo do pavillón como zona wifi, para permitir a conexión á rede, e estableceranse dúas zonas para a práctica do tenis de mesa.

En xaneiro chega "Ponte en forma"

A Área de Deporte e Saúde prepara un ambicioso e completo programa de actividades que se desenvolverán a partir de xaneiro, cando chegue a Pontevedra o programa Ponte en forma, que pretende difundir os beneficios da actividade física saudable e facelo dun xeito individualizado e baixo a supervisión permanente dunha Unidade Médico-Deportiva e unha Unidade de Actividade Física Personalizada. Mellorar a condición física, favorecer a saúde ou optimizar o rendemento nunha proba deportiva. Calquera motivo é bo para adoptar uns hábitos de práctica deportiva axeitada ás nosas características e necesidades reais e con este obxectivo o campus quere complementar a súa oferta de servizos. Mediante esta evolución Pontevedra homológase aos outros dous campus da Universidade para que os estudantes, sen importar o lugar no que estuden, disfruten dos mesmos servizos.