DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus busca as mellores ideas para a execución de dous murais no exterior do edi

O Pavillón Universitario quere un cambio de imaxe

O certame está dotado con 2000 euros e está aberto ao alumnado do campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 24/02/2014

Coa idea de facer máis recoñecible e identificable o Pavillón Universitario e, ao mesmo tempo, contribuír a dar proxección á creatividade do alumnado, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra vén de convocar un concurso de ideas e de execución dun mural en dúas das paredes exteriores desta instalación deportiva. A este certame poderá concorrer, tanto de xeito individual como por grupos, todo o alumnado do campus pontevedrés, que optará ao premio económico de 2000 euros que se outorgará ao mellor dos proxectos presentados, cuxa temática deberá xirar arredor da actividade deportiva.

A responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus, Ana Belén Fernández Souto, destaca que un dos obxectivos centrais deste certame é contribuír a “identificar e o pavillón e dotalo de maior visibilidade, xa que detectamos que non só a cidadanía de Pontevedra senón mesmo parte da comunidade universitaria non o recoñece como un dos edificios da Universidade no campus”. De aí que, ademais da execución do proxecto artístico gañador deste certame, a Vicerreitoría tamén proxecte levar a cabo “outra serie de medidas de identificación do pavillón, tanto no interior coma no exterior do edificio”, que contribúan a dotar a esta instalación deportiva de personalidade propia.

Arte sobre deporte

O resultado final deste certame permitirá dotar dun novo aspecto a “dúas fachadas de formigón enormes, que ata hai non moito tempo estaban a servir coma soporte para cartelería de todo tipo”, apunta Fernández Souto. Concretamente, trátase da fachada lateral da instalación na rúa Padre Gaite, de 46 metros de longo, e do muro do pavillón que se atopa na rúa Cruz Vermella, de máis de 30 metros de lonxitude. A temática dos proxectos deberá xirar arredor da actividade deportiva, como se recolle nas bases deste concurso, no que o xurado valorará tamén a integración da proposta na contorna. Así mesmo, tamén será avaliada a adecuación do proxecto ao orzamento asignado para a execución da obra, de 5000 euros, e a viabilidade da súa construción material. A este respecto, Fernández Souto subliña que se trata dun certame "de técnica libre, no que os proxectos non teñen que ser necesariamente unha pintura, senón que se pode apostar por calquera outra fórmula, sempre e cando sexa perdurable no tempo”.

Así mesmo, a responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus destaca que a iniciativa está aberta a todo o alumnado do campus, “aínda que quizais teñan máis facilidades os estudantes de Belas Artes, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas”. En calquera dos casos, o alumnado dispón de prazo ata o 22 de abril para presentar as súas propostas a un certame que ademais de dotar dunha identidade propia ao Pavillón Universitario, tamén permitirá “promocionar o traballo da xente que estuda no campus”, salienta Fernández Souto.

Segundo se recolle nas bases, o proceso de materialización da obra sobre as paredes do pavillón correrá a cargo da persoa ou equipo gañador e deberá executarse antes do 30 de xuño do presente ano.