DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Usuarios e usuarias das instalacións deportivas plantaron 33 árbores na entrada do campus

O Pavillón Universitario salda a súa débeda co medio ambiente

Esta iniciativa busca compensar ás 12,24 toneladas de CO2 emitidas o pasado curso

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 04/04/2014

Ao longo do curso 2013/2014, o consumo de auga e enerxía do Pavillón Universitario supuxo unha emisión á atmosfera de 12,24 toneladas de CO2. Unha emisión que agora se ve compensada coa plantación no campus de 33 ameneiros, castiñeiros, carballos e pradairos, que ao longo da súa vida farán posible a absorción desas 12,24 toneladas de dióxido de carbono. Foron ademais os propios usuarios e usuarias das instalacións deportivas os que nesta xornada fixeron posible esta compensación ambiental, que se integra dentro da iniciativa Pavillón verde: Deporte sostible no campus de Pontevedra, unha das primeiras accións desenvolvidas no marco do proxecto Green Campus.

“Esta é unha pequena mostra simbólica do que será un traballo de anos de concienciación e formación medioambiental”, salientou Antonia Blanco, vicerreitora en funcións do campus de Pontevedra, antes de que a representación das diferentes entidades deportivas, centros de ensino e colectivos que empregan as instalacións universitarias colleran as pas para plantar nunha parcela situada no acceso ao campus un total de 33 árbores de entre dous e cinco anos. Ademais de agradecer a súa participación, a vicerreitora en funcións salientou tamén a implicación activa das diferentes entidades no proxecto do Pavillón Verde, “xa que ademais de estar presentes nesta compensación tamén participaron na elaboración do plan estratéxico”.

A esta actividade foron convidados o CAFyD (Club Ciencias da Actividade Física e do Deporte), Escola Hungaresa de Esgrima Pontevedra, Club Baloncesto Arxil, Instituto Municipal dos Deportes de Pontevedra, CEIP Manuel Vidal Portela, Ardeas Sport Club, Centro EPA Río Lérez, Star Servicios, Grupo Eulen e o Diario de Pontevedra como organizador da Festa HQR. A colaboración destas entidades foron recoñecidas cun diploma no inicio deste acto, no que Blanco estivo acompañada polo decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, a decana de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña; o responsable do Servizo de Deportes da Universidade, Javier Rial; o secretario da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, e a responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus, Ana Belén Fernández Souto.

Unha filosofía que se estenderá por todo o campus

Na presentación desta iniciativa aos asistentes, Blanco definiu esta plantación compensatoria como "un pequeno comezo para o proxecto Green Campus", xa que se trata da primeira acción visible do traballo que se está a desenvolver para que o campus de Pontevedra se converta no primeiro de España en obter a Bandeira Verde, a distinción que outorga á FEE (Foundation for Enviromental Education) a facultades e campus polas súas actuacións en materia de xestión e educación ambiental. Neste senso, a vicerreitora apuntou que a filosofía desta iniciativa, a de que sexan os propios usuarios das instalacións os que contribúan á súa sostibilidade ambiental, “estenderase posteriormente a outras instalacións do campus, e non só implicará accións compensatorias”. De feito, adiantou que se levarán a cabo cursos de formación sobre diferentes cuestións relacionadas co medio ambiente e que se crearán na Universidade grupos de traballo para labores como a recollida de residuos. Todo iso co obxectivo final de que a Bandeira Verde “sexa un sinal de identidade para o campus e para todos nós”, afirmou Blanco, que anunciou tamén que proximamente presentará o proxecto Green Campus ao Concello de Pontevedra, “para que poidan colaborar nesta iniciativa, xa que sabemos que o medio ambiente é un dos piares deste municipio”.