DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diego Germade finalizou o mural polo que foi premiado nun concurso convocado pola Vicerreitoría

O Pavillón Universitario xa loce o seu ‘Dinamograma Urbano’

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 07/08/2014

O proceso de renovación da imaxe exterior do Pavillón Universitario xa está completado. Despois de que a Vicerreitoría do campus de Pontevedra instalase nos últimos meses unha nova sinalización que facía máis visibles e identificables estas instalacións, o lavado de cara do pavillón vén de completarse co Dinamograma Urbano que xa locen dúas das súas paredes. O estudante de doutoramento de Belas Artes Diego Germade finalizou este mércores o proceso de execución deste mural, polo que foi seleccionado como gañador do concurso de ideas convocado pola Vicerreitoría para dotar dun novo aspecto ás fachadas das rúas Padre Gaite e Cruz Vermella.

“A verdade é que todo saíu ben, sen sobresaltos, e o mural quedou como esperabamos, polo que estamos moi contentos realmente”, sinalou Germade, que durante os últimos 16 días situouse á fronte do equipo de traballo responsable de converter nunha realidade visible os deseños polos que foi distinguido cun premio económico de 2000 euros. Begoña Paz, María Covadonga, Ana Germade e Isaac Sucasas completaron o equipo de traballo co que Germade puido plasmar sobre unhas fachadas de 46 e 30 metros de longo un patrón no que tentaba recoller unha “unidade mínima que expresase o movemento” para así reflectir o dinamismo que caracteriza ao deporte. “Tiñamos todo bastante estudado e puidemos executalo no tempo que prevíamos”, engadiu este estudante e arquitecto, que se felicitou de que mesmo os días de chuvia coincidisen cos momentos de descanso nas fins de semana e non impedisen levar a cabo o proxecto.

Un mural en harmonía coa contorna

Como “bastante espectacular” definiu o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, o resultado final do traballo de Germade, un mural que, ao tempo que “permite renovar a imaxe do pavillón, resulta tamén harmonioso coa súa contorna”. Corbacho incidiu tamén en que esta actuación é o resultado dun proceso iniciado polo anterior equipo responsable da Vicerreitoría que, ademais de “facer máis visibles” as instalacións universitarias, permite tamén achegar á cidade o traballo do alumnado do campus, “do mesmo xeito que o mural que un alumno vén de executar nunha fachada de Monteporreiro ou do traballo realizado por dous alumnos de Belas Artes no Hospital Provincial”.