DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Pazo da Cultura late a ritmo de percusión co obradoiro de djembé

Alumnado do campus adquire coñecementos de percusión nun curso de nivel 2

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 23/03/2010

Os luns e martes o Pazo da Cultura late a ritmo de percusión. O eco do djembé anega os corredores próximos ao local de ensaio, onde Jorge César Pérez imparte un obradoiro sobre este instrumento africano, orixinario do pobo mandinga. Este taller é unha proposta da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, que repite edición por quinta vez debido á boa acollida entre o alumnado.
"As clases son de nivel 2, polo que en teoría teñen que ter algúns coñecementos previos, pero ao final no grupo hai de todo", comenta o profesor. Entre os dez asistentes atópanse estudantes do campus tanto con formación en música como que comezan de cero. Así mesmo, recalaron no obradoiro algunhas persoas alleas á Universidade con inquedanzas musicais. Con todo, as diferenzas de partida vense minguadas pola boa harmonía que se percibe no grupo, tanto musical coma persoal, cun sentido do humor que abrolla ao longo de toda a clase.

Revisando ao mestre senegalés Ali'N Dyae Rose

“Agora estamos preparando unha canción senegalesa chamada A Kadinda, do mestre Ali'N Dyae Rose, un gran percusionista africano que imparte clases no Conservatorio de Amsterdam”, sinala o profesor. Jorge César Pérez cursou o posgrao de percusión nesta institución académica e alí, a través do músico senegalés, tomou contacto coa cultura musical africana. Comenta que ademais desta, os seus alumnos no obradoiro teñen xa dominadas media ducia máis de cancións, polo que sumarían para un concerto de 30-40 minutos. "Nos niveis inferiores vemos basicamente técnica, pero neste podemos incluír un repertorio completo porque xa son capaces de executalo", explica o profesor. Na primeira parte da clase afondan nos golpes básicos -o natural, o slab e o bass- e realizan exercicios de improvisación individuais e por parellas. Logo toca descanso para relaxar as mans e despois un ensaio xeral de todo o repertorio. Esperan poder debutar nalgún local pontevedrés esta Semana Santa e quizais se animen tamén a tocar para o público universitario en Santa Kata.

“Por amor á música e aos créditos de libre configuración”

Moitos dos asistentes ao curso xa coñecían con anterioridade a Jorge César Pérez, a través do programa municipal de ocio alternativo Noites Abertas, e por iso decidiron apuntarse. Sobre isto manteñen unha queixa, pois consideran que a difusión desta actividade dentro da Universidade non é abonda e que debería ter unha maior publicidade.
Manuel Fariña e Marcos Crespo son estudantes da titulación de Mestre especializado en Educación Musical. Ademais, van xuntos ao conservatorio, polo que o obradoiro é un complemento máis da súa formación, ao que afirman que se apuntaron "por amor á música e tamén -confesan cun riso cómplice- por amor aos créditos de libre configuración".
Antonio Rebolo xa tiña coñecementos de solfexo e toca a guitarra na orquestra Oro Negro. Coñeceu ao profesor a través do Noites Abertas e decidiu asistir ao taller para ter un primeiro contacto práctico coa percusión.
Óscar Álvarez estudou Educación Musical na Universidade de Santiago de Compostela e fixo un mestrado en Musicoloxía en Oviedo. Hai tempo que coñece a Jorge César Pérez, polo que é a terceira vez que asiste a un obradoiro seu. Todos os luns e martes achégase a Pontevedra deste Pontevea co obxectivo de complementar coñecementos e pasar un bo rato.

Curiosidade pola percusión

Con todo, este obradoiro non só interesou a persoas vinculadas directamente coa música. Jesús Vázquez estuda Enxeñaría Industrial en Vigo, pero vive en Pontevedra. A convocatoria chegoulle a través dun evento de Tuenti e decidiu apuntarse polos créditos, pero tamén porque xa lle entrara curiosidade pola percusión practicando capoeira. Pola súa parte, Jaime Camino está en segundo curso de Publicidade e Relacións Públicas no campus. Enterouse do obradoiro polo Facebook e decidiu apuntarse porque lle gusta a percusión e polos créditos de libre configuración. "Atopas poucos cursos como este e ademais a tan bo prezo, posto que por ser alumno e bolseiro só paguei 20€". Sinala que xa fora con anterioridade a clases de djembé, pero dun nivel moi básico. Asegura que en estas clases se aprende máis porque son diferentes e, mentres noutras só se ensinan ritmos de base, aquí conseguen tocar cancións completas.

Omar Percussion Group

Jorge César Pérez é membro do trío Omar Percussion Group, xunto con Cristian Rodríguez e Ximo Sanchís. Están preparando o seu segundo espectáculo, titulado Vida. "Fala dos catro elementos da natureza, auga, vento, terra e lume, nos que se sintetizan varias culturas: africana, brasileira, española, flamenca, xaponesa, ou tamén chill out ou música militar". O músico explica que ao longo do espectáculo tocan máis de 80 intrumentos de percusión diferentes.
Así mesmo, Jorge César Pérez é profesor do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, onde creou e puxo en marcha o departamento de Orquestra de Percusión.