DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnos de 4º de Comunicación Audiovisual participan no proxecto CanCampus

Con un pé posto no mundo profesional

Gravaron un videoclip musical e un 'making off' que será exhibido no VIII Festival de Cans

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 27/04/2011

Á falta de dous meses para rematar a súa formación, o alumnado de 4º de Comunicación Audiovisual xa se atopa inmerso en labores profesionais “de certa responsabilidade”. Froito da colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación co Festival de Cans, nace CanCampus, un proxecto, que inclúe a produción dun videoclip musical e dun 'making off', e que responde a dúas necesidades, “por un lado desestacionalizar e promocionar o festival e por outra buscar unha canle de distribución para traballos académicos que merecen ser exhibidos pola súa calidade e dedicación”, explica Oswaldo García, profesor e principal impulsor do proxecto.

Os obxectivos de CanCampus non soamente están centrados no logro dunha vía de distribución e exposición pública, senón que procura “a simulación dun contexto profesionalizante no que os alumnos e alumnas deben responder a unha serie de esixencias tanto loxísticas como académicas”, salienta García. Para iso, contaron coa colaboración de DSK, produtora dedicada en exclusiva ao rodaxe de videoclips musicais, formada por Juan Lesta e Belén Montero, “que exerceron de guías sen impor decisións, detectando problemas que os propios alumnos tiñan que solucionar”. O profesor recoñece que o momento máis complexo e duro foi o de pre-produción, “porque os estudantes aínda se están acostumando a optimizar recursos, tendo que adaptarse sen escusas a unhas limitacións tanto de tempo como de medios, onde non soamente vale unha boa idea, senón que ten que ser realizable”.

A rodaxe das pezas audiovisuais permitiulle ao alumnado de 4º de Comunicación Audiovisual, ademais de coñecer de primeira man os roles de produción, “facer contactos”. Como aclara Oswaldo García, “grazas ao CanCampus, estableceron relacións co mundo musical, pois acaban de gravar un videoclip para o grupo Sinestesia que será visualizado por outros managers e artistas, ou coa propia produtora DSK, coa que poden emerxer futuras sinerxías profesionais”. Tanto é así que o grupo de alumnos encargado da realización do 'making off' atópase en contacto directo coa canle Vtelevision proporcionándolle “pezas audiovisuais para seguir o proxecto semanalmente e que se están a emitir no programa Vclips todos os sábados e domingos”.

Moitas horas de dedicación

Sara Pérez, alumna que gañou o concurso interno para dirixir o videoclip musical comenta que a “experiencia está a ser moi positiva e enriquecedora para todos, a pesar da gran cantidade de traballo, sobre todo nos días próximos á rodaxe, e da responsabilidade que supuña tal proxecto”. Como anécdota, contan que ademais de queimarse ao sol, no momento de gravar, non lles couberon os decorados armados na furgoneta que tiñan á súa disposición, polo que “tivemos que estar montando neles nas distintas localizacións ata as 6 de mañá do mesmo día de rodaxe”, subliñan os estudantes.

Integración social

O profesor García destaca ademais a vertente social do proxecto, pois “a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, como ente público, foi quen de promover unha actividade socialmente interesante para o pobo de Cans e para a xente maior, facéndoos partícipes e protagonistas das pezas audiovisuais e integrándoos no proceso de produción”.

Tal foron os resultados, “que a idea é ampliar o proxecto para o ano que vén”. Teñen en mente ir máis aló da realización dunha peza audiovisual, “crecendo en máis direccións e tentando atraer músicos consagrados aos que lles pareza interesante a proposta por diferente” para crecer en volume de produción e tamén na transcendencia de persoas involucradas no proxecto CanCampus.