DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo interviu nas Xornadas de Dereitos Humanos no século

Peces-Barba reclama un maior número de horas lectivas para Educación para a cidadanía

O catedrático apostou por impartir esta materia tamén nas universidades

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 03/11/2010

A polémica creada a raíz da introdución no ensino da materia Educación para a cidadanía centrou o relatorio que Gregorio Peces-Barba, catedrático de Filosofía do dereito, ofreceu na Facultade de Dereito ao abeiro da Cátedra Carlos Casares. Ao longo da súa exposición, inserida nas Xornadas sobre Dereitos Humanos no século XXI, o Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo fixo unha defensa decidida desta disciplina que, segundo as súas palabras, “debería ter un maior peso lectivo, pois unha hora á semana resulta a todas luces insuficiente”.

A opción pola que hai que apostar, segundo Peces-Barba, pasa por relegar as clases de relixión católica "ao ámbito privado" para darlle así máis campo á aprendizaxe da historia e do contexto dos dereitos civís, sociais e políticos clásicos. “Resulta de capital importancia que as novas xeracións saiban de onde procede o sufraxio universal ou o dereito de asociación, por exemplo” e engade que “tamén hai que prestarlle atención á participación da muller no ámbito político, un problema que aínda segue vivo”. Pese a que nas últimas décadas se lograron destacados avances neste eido, o número de deputadas e senadoras non aumentou proporcionalmente á súa importancia progresiva “debido aos prexuízos e á discriminación que segue existindo na nosa sociedade”, explica o catedrático.

Dereitos máis novos como son o de dispoñer de auga e aire limpos ou dun medio ambiente ben conservado completan o programa desta materia que, na opinión de Peces-Barba, se debería expandir ao ámbito universitario, xa que non resulta sensato que tan só os xuristas reciban unha aprendizaxe en materia de Constitución Española e dereitos humanos.

O problema da obxección de conciencia

Educación para a cidadanía foi unha materia atacada dende o principio polos "sectores máis reaccionarios do noso país" e, sobre todo, pola xerarquía católica, que protestaba principalmente pola parte relativa a formación en temas sexuais.

Esta actitude reaccionaria deu lugar á proliferación de mestres que se acolleron á obxección de conciencia para escapar da obriga legal de impartila, algo que para Peces-Barba resulta "absolutamente inconstitucional". O catedrático considera que esta práctica, que plantexa unha desobediencia aberta a determinados mandatos legais, só pode ser aplicada en supostos concretos nos que o Tribunal Constitucional ou o Supremo den o seu visto bo, ou cando así o recoñeza unha norma con rango de lei orgánica.

Hai que lembrar que xa a Constitución Española, aprobada en 1978, facía unha clara distinción entre a ensinanza pública, relacionada coa ética, a cidadanía e a democracia, e a privada, relativa a dimensión das grandes crenzas que nos levan a defender a virtude, o ben e a felicidade.

Un repaso histórico

A laicidade é un imperativo que deriva de toda a evolución da modernidade ao xurdir paralelamente á perda de valor de conceptos como crente ou membro dun gremio e ao auxe da idea de cidadán. Para achegarnos aos antecedentes desta última noción hai que retroceder á Roma e Grecia clásicas, onde se definía como “aquel que participa no culto aos deuses da cidade”, un camiño cara ao pasado que Peces-Barba percorreu na súa intervención.

Non obstante, no mundo heleno xa se diferenciaba claramente entre a ética privada e a pública, mostrando algúns signos que posteriormente se verán en épocas máis recentes, como, por exemplo, o dereito á privacidade. “Xa daquela tiñan claro que a liberdade individual non podía causar dano ao resto da polis nin aos demais cidadáns e debía moverse sempre dentro dos límites prescritos polas leis”, explica Peces-Barba.

Pola súa banda, os romanos aportaron a idea de que o proceso de aprendizaxe e a educación resultan fundamentais para formar persoas capacitadas para ser cidadáns. En resumo, “tanto Grecia como Roma superaron a súa primitiva dimensión teocrática co desenvolvemento do concepto de cidadán”, conclúe o catedrático.