DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas celebraranse os 2 e 3 de novembro ao abeiro da Cátedra Carlos Casares

Peces-Barba reflexionará en Ourense sobre a situación dos dereitos humanos en pleno século XXI

Xunto con Lorenzo Martín-Retortillo, Mª del Carmen Barranco e Rafael de Asís

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
M. Del Río DUVI 29/10/2010

Un dos pais da Constitución e Doutor Honoris Causa en 1996 pola Universidade de Vigo, Gregorio Peces-Barba volve a Ourense a vindeira semana no marco das Xornadas sobre Dereitos Humanos no século XXI organizadas polos profesores Roberto O. Bustillo e Ana Garriga ao abeiro da Cátedra Carlos Casares. Entre os días 2 e 3 de novembro reuniranse na cidade das Burgas catro dos maiores expertos en dereitos humanos a nivel nacional para debater sobre “un tema de actualidade, baste como exemplo a recente entrada en vigor do Tratado de Lisboa”, explica o profesor Bustillo.
Sobre a orixe desta iniciativa, o organizador refírese precisamente o Tratado de Lisboa, “que converte en dereito vixente as previsións da carta dos dereitos fundamentais”. Precisamente, á repercusión desta norma sobre os cidadáns europeos en xeral e españois en particular vaise dedicar o primeiro dos relatorios, a de Lorenzo Martín-Retortillo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense de Madrid e parte activa da elaboración da Carta Magna en 1978.

En todo caso, a elección conxunta do tema e da Facultade de Dereito de Ourense non foi casual, explica Bustillo, “Gregorio Peces-Barba coordina un dos máis ambiciosos programas de investigación xurídica que existen na actualidade en España, o Consolider Ingenio 2010 El tiempo de los Derechos,que agrupa a máis de oitenta investigadores, doce grupos de investigación españois, e un destes grupos ten a súa sede en Ourense”, dirixido pola profesora Ana Garriga, co-organizadora das xornadas e coa que colaboran a profesora Susana Álvarez e o proio Roberto Bustillo.

Convidados de luxo

Xunto con Peces-Barba, que intervirá o mércores, e Lorenzo Martín-Retortillo , que será o encargado da abrir o debate o martes, participarán nestas xornadas outros dous poñentes, Mª del Carmen Barranco, profesora de Filosofía do Dereito da Universidade Carlos III de Madrid e Rafael de Asís, catedrático tamén de Filosofía de Dereito da mesma universidade.

A organización desta xornadas apostou por un plantel de luxo para abordar o tema dos dereitos humanos, xa que como explican “todos os convidados teñen directa e intensa relación cos temas das dos seus relatorios”. Lorenzo Martín-Retortillo falará sobre os dereitos e liberdades dos cidadáns no Tratado de Lisboa, “sendo precisamente un dos membros do comité de sabios designados polas propias institucións comunitarias para elaborar nos anos noventa o borrador do que logo foi a Carta dos Dereitos Fundamentais, agora incorporada ao tratado”. Pola súa banda, Mª del Carmen Barranco e Rafael de Asís “atesouran unha ampla traxectoria investigadora e un bo número de monografías sobre os temas das súas ponencias: El papel del poder legislativo y de los órganos judiciales en la defensa de los derechos de los ciudadanos, no primeiro caso, e Los derechos fundamentales de las personas con discapacidad o en situación de dependencia, no segundo.

Sobre Gregorio Peces-Barba pouco queda por engadir, “seguramente o máis coñecido a nivel popular dos catro” e un dos redactores do proxecto inicial de vixente constitución. “Trátase dun dos máis destacados xuristas españois do noso tempo”, explica o profesor, que engade que centrará a súa intervención nun tema sempre polémico e do que leva sendo dende hai anos “un férreo defensor: a materia Educación para a cidadanía e a súa relación cos dereitos fundamentais.

Programa completo das xornadas (315.88 Kb)