DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ORI pon ao día aos 104 estudantes do campus que viaxarán ao estranxeiro o vindeiro curso

Pechando trámites e a folla de ruta para a partida dos Erasmus 2010-11

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 25/05/2010

Coñecer outros lugares, xente diferente, culturas diversas e, sobre todo, aprender un idioma son os obxectivos dos 104 estudantes do campus que solicitaron formar parte do programa Erasmus no vindeiro curso. Pasarán fóra un cuadrimestre ou o curso enteiro, o que para a maioría é a súa primeira experiencia no estranxeiro, unha especie de viaxe iniciática que abre o camiño cara á independencia ao remate dos estudos.
Teñen que presentar toda a documentación antes do mes de xullo, polo que, para que todo saia rodado, a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) está realizado unha rolda de reunións para explicarlles todos os trámites pertinentes, darlles consellos e trazar unha folla de ruta ata a súa partida no mes de setembro. Hoxe foi a quenda do alumnado pontevedrés, que mantivo unha xuntanza coa responsable da ORI, Amalia Rodríguez, e os coordinadores das diferentes facultades e escolas na EUET Forestal.

Coñecer outras culturas e métodos de aprendizaxe diferentes

David Silva e Manuel Ucha son compañeiros do Grao de Enxeñaría Técnica Forestal. Pasarán xuntos unha estancia de estudos na República Checa, o lugar que máis se adaptaba ao que están buscando. “Decidimos solicitar o programa Erasmus polas cuestións esenciais, aprender un idioma e coñecer outras culturas”, conta Manuel. Con relación ao seu destino, David destaca que “é un lugar estupendo desde o que viaxar, porque está no centro de Europa”. Pensan, polo tanto, aproveitar esta situación estratéxica para facer algunha escapada a outros países próximos.
A Universidade de Kingston en Londres será a institución de acollida de Teresa Ferreiro e Begoña García-Alén, alumnas da Facultade de Belas Artes. “Entre as nosas opcións finais estaban Romanía e Londres e, aínda que Romanía parece ter un bo ambiente académico e Londres ser máis fría, escollemos a segunda porque cremos que alí se empregan metodoloxías de aprendizaxe máis flexibles”, comenta Teresa. “Iso é moi importante nunha carreira como a nosa na que o próximo ano desenvolveremos un proxecto final titorizado moi persoal”, engade Begoña. O idioma foi tamén unha das razóns desa escolla, así como establecer contactos internacionais nunha das capitais máis importantes a nivel mundial para a arte contemporánea.

Lentitude cos trámites

Alba Fernández, estudante de Publicidade e Relacións Públicas, recalará na cidade italiana de Perugia en setembro. Di que sempre lle gustou Italia, que xa viaxou alí unha vez e que veu o programa Erasmus como unha oportunidade para volver. A súa compañeira, Andrea Andión, continuará os seus estudos no Porto. Confesa que escolleu Portugal porque se decidiu tarde e era o único destino que quedaba. Malia a decepción inicial, asegura que agora está moi contenta co seu destino, “sobre todo porque saber portugués abre a porta a outros países moi interesantes”.
As dúas sinalan que van lentas cos trámites ao atoparse en época de exames. “Son moi complexos, hai pouca información das universidades de destino e estes días temos unha sobresaturación de correos da ORI”, apunta Alba.
Para facilitarlles as cousas, Amelia Rodríguez explicoulles paso a paso a documentación que teñen que presentar, facendo fincapé naqueles documentos máis importantes, como a credencial de bolseiro, o certificado de estancia ou o contrato de estudos que recolle as equivalencias das materias e que poden formalizar a través da Secretaría virtual da Universidade. A responsable da ORI deulles tamén algúns consellos sobre como tramitar o visado ou solicitar a tarxeta sanitaria europea e informounos das axudas complementarias que poden solicitar, tanto da Universidade como da Xunta de Galicia e do Ministerio de Educación. Así mesmo, insistiu na importancia da preparación lingüística previa e alentounos a facer os cursos que ofrece o Centro de Linguas neste senso.
Finalmente desexoulles sorte a todos e animounos a aproveitar a oportunidade. “Gozade moito e non perdades nin un minuto porque o Erasmus só se pode facer unha vez”, recomendoulles.