DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Péchase o proceso electoral en CC Sociais e da Comunicación sen candidatos a decano

Será o reitor da Universidade o encargado de nomear un novo decano en funcións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 11/02/2010

O proceso electoral convocado pola Xunta de Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación que comezou o pasado 18 de xaneiro deuse por concluído este mércores 10 de febreiro, data prevista para a proclamación definitiva de candidatos, ao non terse presentado ningunha proposta. Agora será o reitor da Universidade, Alberto Gago, o encargado de nomear un decano en funcións ata que se fixen as datas para uns novos comicios. Xa no anterior proceso electoral, celebrado en marzo de 2009 e no que a única canditatura presentada polo profesor Pedro Pablo Gutiérrez non acadou o apoio necesario, o reitor nomeou ao profesor máis veterano da facultade, Xulio Pardellas.
Neste momento exerce de xeito eventual como decano en funcións Fortunato Rodríguez Fernández que xa formaba parte do equipo decanal como vicedecano de Asuntos Económicos. Rodríguez Fernández que cubre a ausencia de Pardellas que está de baixa por razóns médicas, sinalou que, rematado o período de reclamacións, lle comunicaron á Secretaría Xeral a ausencia de candidatos, polo que están á espera de que o reitor lles comunique a súa decisión para saber se continuarán á fronte da xestión do centro. “En caso de baleiro de poder é o reitor quen ten capacidade de designar a quen considere pertinente”, sinalou.
O actual equipo decanal complétase con Aurora García González, vicedecana de Calidade e Profesorado; Paulino Feijoo Pérez, vicedecano de Alumnado; Celso Cancela Outeda, vicedecano de Organización Académica; e Ana Isabel Dopico Parada, secretaria da facultade.

Candidatura consensuada para as próximas eleccións

Fortunato Rodríguez achaca a ausencia de candidaturas á dificultade que supón compatibilizar a función xestora co exercicio da profesión docente e investigadora. “Ademais, a implantación dos títulos de grao multiplicou a carga de traballo e cuestións docentes que antes dependían dos departamentos agora pasan a ser responsabilidade do centro”, engadiu. Fernández Rodríguez salientou que o actual equipo decanal ía presentar a súa propia proposta ás eleccións, pero a falta dun mes para a convocatoria a ausencia de Xulio Pardellas impediulles articular unha candidatura a tempo. Pensa tamén que a dificultade para obter a maioría absoluta con base no precedente do ano pasado foi outra das causas para que non se presentasen outras alternativas, polo que considera que un dos obxectivos para o período que comeza é “conseguir que as vindeiras eleccións se convoquen xa cunha candidatura previamente consensuada polos docentes das tres titulacións do centro”.

Afrontar as necesidades de medios e persoal dos graos

Segundo o decano accidental o que ocupou ao seu equipo no último ano foi a adaptación ao Plan Boloña coa implantación dos títulos de grao, que se levou adiante nos catro cursos de Dirección e Xestión Pública, así como nos primeiros de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas. “O máis urxente o ano pasado foi a parte administrativa e académica, para que o curso puidese comezar co profesorado, as materias, as convalidacións, o alumnado e as adaptacións pertinentes”, indicou, destacando a boa acollida do proceso, que non repercutiu na captación de alumnado, permitindo a consolidación das titulacións do centro.
De cara aos retos inmediatos que debe afrontar a facultade, Fortunato Rodríguez sinalou a dotación de medios como o máis importante. “Nos novos graos os grupos de estudantes son máis reducidos e increméntanse tamén os grupos de prácticas, o que significa un aumento das necesidades de espazos, da dotación dos laboratorios e de persoal”, precisou. Neste curso habilitáronse seis aulas novas e unha nova sala de informática, pero así e todo Rodríguez considera preciso realizar unha análise exhaustiva das necesidades do centro para os próximos cursos. Prevese que a maior demanda proceda do grao de Publicidade e Relacións Públicas, que triplicará as súas necesidades, mentres que Comunicación Audiovisual case funcionaba cos requirimentos de Boloña con grupos de 40 alumnos.
Por último, Fortunato Rodríguez valora tamén como aposta de futuro “a calidade docente, facendo un esforzo por incorporar os procesos de control de calidade como algo normal”.