DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén participou Mercedes Castro con deseños de punto, moi diferenciados das demais propostas

As pedras preciosas de David Del Río brillan no Ego de Cibeles

Os dous deseñadores de Esdemga, que se presentaron por primeira vez, fan un balance positivo do seu

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 06/02/2012

O que semellaba ser unha xornada sobria e austera converteuse nunha exhibición de cor e de alegría no intre en que desfilaron pola pasarela do Ego de Cibeles as coleccións de David Del Río e Mercedes Castro, ambos formados en Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda. Únicos representantes galegos na cita madrileña, esta foi a primeira toma de contacto coa elite da moda tras estrearse en Debut 2011. Aínda que o premio L´Oreal á mellor colección das novas promesas recaeu no deseñador Moisés Nieto, as propostas de Del Río estiveron moi preto de facerse co galardón ao deixar un bo sabor de boca nun xurado que recoñeceu o talento do galego e que destacou “o protagonismo e a rica variedade das pedras semipreciosas na colección”. Pola súa banda, Mercedes Castro sorprendeu cunha proposta moi diferente que recordaba aos primeiros anos do Ego Cibeles. Os dous deseñadores fan un balance moi positivo da experiencia enriba da pasarela, que contou “cun público moi contento e entusiasmado”, declara Castro tras a xornada intensa de onte.

Apostas arriscadas

O primeiro en desfilar foi David Del Río, que amosou unha colección unisex de 20 estilismos inspirada “nos tolos” anos 20 despois dos pases de Moisés Nieto, Shen Lin e de El Colmillo de Morsa. Para Del Río, “o simple feito de poder desfilar e estar neste backstage de prestixio xa é impresionante”. Pero a este deseñador nado en Vilagarcía de Arousa tamén o acompañou a crítica. Ademais do colorido dunha proposta na que reinaba o verde, o laranxa e o violeta, o público “quedou namorado” das súas pezas únicas froito dun intenso traballo a man, como unha chaqueta confeccionada a base de pedras semipreciosas ou o vestido verde co que inaugurou o pase, adornado con 17 camelias, cada unha formada por mil perlas. “Os minerais ocupan unha posición preferente na colección, pero creo que as chaquetas elaboradas a partir de alfombras artesanais de petit-point sorprenderon gratamente”, engade Del Río.

O deseñador galego asegura que Manhattan Transfer é unha colección atrevida que rompeu coa austeridade das outras propostas e cunha aposta moito máis arriscada nos estilismos de home que nos de muller, “con faldas e chaquetas toureiras que dan un punto de androxinia. Tanto é así que algunhas ideas para muller desenvolvéronse despois para home”.

Pola súa banda, Mercedes Castro debutou na pasarela madrileña cunha colección de punto, Never give up, inspirada en heroes de cómic e outros personaxes literarios como El Principito. Para Castro a súa colección “ou se ama ou se odia”, aínda que cre que gustou moito entre o público “dada a diferenciación que había con respecto a todas as outras propostas deste ano”. Revivindo a fantasía de volver a ser neno, Castro tamén presentou una colección unisex con coloridos gorros, ponchos e demais prendas artesanais oversize, todo combinado con pantalóns estampados de pixama e cos clásicos Converse.

Recoñecemento á escola

“Nótase que levas o selo de Esdemga”, comentou un membro da organización a Mercedes Castro minutos antes de saír ao photocall, o que demostra o recoñecemento e a fama internacional da escola entre o sector especializado da moda. “Que todos os anos algún alumno de Esdemga sexa aceptado nesta pasarela creo que fala moi ben do centro”, sinala Castro, ao que Del Río engade que o centro achega unha formación moi próxima á realidade profesional do sector “cun corpo de docentes moi implicado e comprometido”.

A pasarela Ego de Cibeles convértese nun espaparate "ideal" para que as novas promesas poidan dar a coñecer as súas propostas ao mercado e á sociedade. David Del Río e Mercedes Castro souberon sacarlle partido a súa participación e estes días ambos protagonizaron varios reportaxes sobre o seu concepto de moda tanto en radio, prensa e televisión. Castro fixo entrevistas para revistas especializadas en moda como Yo Dona e a cadena de televisión Cuatro quixo realizarlle un seguimento en directo a David Del Río nas horas antes do desfile. “Alucinei cando mo propuxeron en backstage”, confesa Del Río.

Mentres que Castro quedará uns días pola cidade madrileña para coñecer máis fondamente a repercusión da súa colección, Del Río incorpórase este mércores ao equipo de deseñadores da marca Purificación García, que entrou en contacto con el tras o desfile de Debut 2011. Estes dous deseñadores únense á longa lista de titulados e tituladas de Esdemga que interviron en edicións anteriores do Ego de Cibeles. No pasado mes de setembro Alba Cardalda presentaba a súa colección inspirada nas propostas arquitectónicas de Óscar Niemeyer e hai un ano a ex alumna Victoria Monasterio participaba cuns novos estilismos de outono/inverno que nesta edición colocou no Showroom.