DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As votacións celebraranse en Xunta de Facultade o día 26 de setembro

Pedro Araújo preséntase como único candidato a decano de Ciencias

O actual responsable do centro aposta pola continuidade do proxecto de goberno do seu equipo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 12/09/2012

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense, ao igual que a de Ciencias Empresariais e Turismo, comeza o novo curso académico cun proceso de eleccións a decano aberto. Este mércores realizouse a proclamación provisional de candidatos e Pedro Araújo, actual responsable do centro, preséntase como único candidato ao posto. As votacións celebraranse en Xunta de Facultade o próximo 26 de setembro.

Pedro Araújo ocupa desde 2009 o posto de decano da Facultade de Ciencias despois de ser anteriormente nove anos vicedecano do centro e anteriormente secretario do mesmo durante outros tres anos. Da súa etapa como decano salienta que “foron anos moi intensos nos que confluíu non só un cambio na dinámica universitaria, pola implantación do EEES, senón tamén na situación socioeconómica, pola crise, que condicionaron e condicionan moito o traballo dentro da universidade”.

Os retos

Nesta etapa ao fronte do centro o seu equipo estivo formado polos vicedecanos Gil Garrote e Sidonia Martínez e pola secretaria María Teresa de Castro. “Só teño palabras de agradecemento e recoñecemento para o traballo que realizaron” e por iso, explica, conta con eles para a súa candidatura, salvo no caso de María Teresa de Castro que, debido á coordinación do Máster de Ciencias do Clima, non vai poder renovar no posto. “O noso traballo está inconcluso e polo tanto pretendemos manter unha continuidade que garanta dalgún xeito a finalización deste proceso de cambio que estamos a vivir na universidade”, salienta Araújo.

O reto para o seguinte mandato, explica o decano, “sería acabar de implantar os novos graos, continuar consolidando os posgraos e situar á nosa facultade nos grandes proxectos de futuro da Universidade de Vigo, como son o Campus do Mar e o Campus da Auga”. Para facelo, apunta, é fundamental renovar a ilusión da xente e o seu compromiso co centro.

As eleccións celebraranse o vindeiro 26 de setembro por votación da Xunta de Facultade, que está formada, alén do equipo decanal, por todo o profesorado funcionario do centro e representacións tanto do persoal docente e investigador non funcionario coma dos estudantes e do persoal de administración e servizos.